O soño americano

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

04 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Quen se estraña de que o país que mantén a prisión de Guantánamo espíe todo o que se move? ¿Non nos serviron de nada anos de filmes de gánsteres, heroes de guerra e felices pais de familia que traballan no Pentágono? ¿Cómo cren que os Estados Unidos lles gañan sempre ás civilizacións alieníxenas que queren acabar coa Humanidade? ¿Cumprindo os tratados internacionais? Se América chega a velar pola legalidade, onde vai que xa teriamos caído vítimas das gadoupas do Maligno.

Parecemos parvos, estrañados de que un friki da informática que semella sacado de The Big Bang Theory poida facer tremer a orde mundial. Niso estou de acordo con Obama: non lle vai mandar un M-16 para capturalo. Estaría preocupada por el, sendo friki e todo, se se metese con Israel e a súa «precisión cirúrxica» para resolver con ben este tipo de casos, pero tratándose dos EUA, ningún problema. A estas alturas da película e coa miña fonda experiencia cinematográfica, sei que o soño americano triunfará. Quizais non o faga o sentido común, que todos os anos reseca co sol do verán, cando a prensa paranoica e ávida de intrigas literarias inventa para nós historias que non teñen nada de novidoso nin de estraño. Hai un ano foi Wikileaks, esa gran revista de cotilleo na que pouco había verdadeiramente relevante para a paz mundial. Agora é este caso Snowden, a historia dun tipo que se empecinou en demostrar o que xa sabiamos: que a realidade supera sempre á ficción e que Hollywood non é unha fábrica de soños, senón de documentais en toda regra. ¿Que xogan a que o tipo queda a vivir na zona de tránsitos dun aeroporto e dentro duns meses nos esquece porque esa peli xa se fixo?