É case imposible unha verdadeira modernización dos países árabes e musulmáns, un cambio en profundidade, mentres non superen o proceso de confusión, no que seguen aínda como Europa hai máis de douscentos anos, entre o poder civil e o poder relixioso. Esa é a revolución que teñen pendente.
Non debemos esquecer que, en Europa, foi a Ilustración a que, baixo o lema kantiano sapere aude (atrévete a saber), soubo deslindar para sempre o poder civil do poder relixioso, por máis que, de lonxe en lonxe -e nuns casos, como o español, non tan de lonxe en lonxe-, os poderes irracionais da fe se reviren contra os poderes da razón e non renuncien á súa cobiza por dominar a mente humana.
Eses procesos, como é ben sabido, son dunha grande lentitude e de moita fondura: non abonda co que, deica agora, temos visto neses países, que se reduce a simples manifestacións de malestar, a protestas entre morais e políticas, a un manifestarse baixo a tutela do poder verdadeiro, que é o militar, pero -non o esquezamos- confundido tamén co poder relixioso.
Nin sequera Turquía ten asegurada a súa plena laicidade, nin moito menos: calquera das tímidas reformas de Erdogan, con miras á entrada turca na Unión Europea, é continuamente respondida polo poder relixioso e unha e outra vez houbo de recuar nos seus proxectos de tatexante modernización. O excluínte poder relixioso confundido co militar, e a súa premente presenza e vixencia, salta á vista nas rúas de todo o país.
Non sabemos, ao día de hoxe, nin cando nin como lles chegará a eses países a súa Ilustración. Do que si podemos estar certos é de que, en tanto non lles chegue, a chamada «primavera árabe» será un desexo pero nunca unha realidade. Exipto, e mesmo Turquía, poden ser bos exemplos. Infelizmente.