O mimetismo lévanos dereitos á falta de creatividade, á inseguridade, á pasividade. Mal síntoma para un país que poida ser conceptuado como mimético. E nós somos, sen dúbida, un país mimético. Por iso, penso, somos tamén un país de moi escasa creatividade, unha sociedade insegura, pasiva, escéptica.
Sómolo culturalmente, como ben o expresa o noso sometimento á cultura allea, substitutiva da propia, razón pola que a acción do galeguismo, dende Murguía a hoxe, promoveu de maneira principal o desenvolvemento cultural do país galego, no afán de descolonizar -ese é o termo xusto- as nosas mentes. Eu prefiro dicir desentangarañándoas.
Porque, sen dúbida, somos unha sociedade entangarañada. Non só culturalmente, senón en todo o demais, xusto por selo culturalmente. E abondan tangaraños que nos pexan, que nos limitan, que nos poñen fóra de xogo. O que nos leva a sermos unha sociedade fracasada, sen rumbo, insegura, escéptica.
Podería recorrer á exposición de toda unha casuística, pero non é posible dentro dos estreitos lindes deste artigo. Fixémonos tan só no que ocorre nunha clase que debera ser moi progresista, moderna e avanzada: a empresarial. É, hoxe, a máis mimética que temos, dende a contratación de servizos alleos, marxinando os propios (os de asesoramento son paradigmáticos) ata sentirse cómodos en situacións subordinadas ás peores prácticas do centralismo.
Desenvolver isto sería moi longo. Adiantaremos tan só, porque estamos certos de que esa é a realidade xeral do país, que as nosas mentes seguen tan colonizadas hoxe como onte, tan entangarañadas como de costume -e por iso temos tanta inseguridade, pasividade e escepticismo como sempre-. ¿Queda alguén aínda que teña o valor de acusar ao galeguismo de «culturalismo»?