Se un coche a tan só 50 km/h colisiona contra un muro e se deforma 0,5 metros, os ocupantes sen cinto de seguridade (e calquera obxecto solto) marcharán disparados cara adiante cunha aceleración 20 veces maior que a da gravidade, pasando de 0 a 50 km/h con respecto ao parabrisas en 7 centésimas de segundo. É dicir, se puxésemos unha báscula no parabrisas, unha persoa de 75 kg que a golpease faría que marcase 1.500 kg. Normalmente golpearía coa cabeza primeiro, absorbendo o peor do golpe cunha pequena superficie, que sufriría polo tanto unha presión enorme. Fágolles este cálculo para que entendan a importancia de cinto e o airbag, que deteñen o corpo de maneira máis suave que o muro ou o asfalto, e ademais usando maior superficie de contacto. Tamén se aplica, desgraciadamente, a varios dos pasaxeiros do tren Alvia que se converteron en proxectís que se estrelaron contra os interiores dos vagóns. Apostaría a que os menos danados estaban sentados en dirección contraria á marcha: dese xeito, a presión da deceleración repartiuse nunha superficie bastante grande e o dano foi moito menor.