Publicou recentemente Roberto L. Blanco Valdés un artigo cuxo título vou modificar, co seu permiso: «Por su bien, dejemos ya (morir) al gallego en paz». A engádega miña é a palabra entre parénteses, claro está, mais o posesivo su é ambiguo: ¿polo ben de quen? Trataremos de o aclarar. O profesor Blanco Valdés veste a toga de (aparentemente) avogado defensor; despois, a de fiscal, para acabar coa de xuíz e ditar unha sentenza claramente politizada e sectaria. Pas de problème: cando sabemos que o presidente do máis alto tribunal español é conspicuo militante do PP, xa non cabe sorpresa ningunha .
Parte o artigo dunha premisa falsa, que converte, por tanto, o siloxismo en sofisma. O galego, nestes 30 anos, contrariamente ao que se afirma, non desfrutou en absoluto dunha actuación institucional (lexislativa, gobernamental, xudicial) que protexese os dereitos dos seus falantes e que tivese interese en facelo visíbel e audíbel social e publicamente. Nestas tres décadas, nunca existiu algo semellante a isto: «Levántase a veda do galego. O Goberno galego asúmeo como signo principal da Galiza, practícao e deféndeo. Combaterá decididamente a súa exclusión». A Lei de Normalización Lingüística (1983) está moi lonxe de ser cumprida. O Plan Xeral de Normalización, aprobado por unanimidade do Parlamento galego (2004), endexamais pasou do papel á norma e a acción positiva. A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, asinada polo xefe de Estado español en agosto do 2001, nin foi aplicada nin avaliada.
Quer converterse aos pais e as nais en corresponsábeis do abandono da lingua e, aínda, en cómplices da galeguicida política da Xunta. Se eles non transmiten a lingua galega é porque non hai instancia superior ningunha que se preocupe de dala a valer, de facela útil e necesaria. Núñez Feijoo ignora esta mensaxe; entrégalles a aplicados estudantes unha maleta para que emigren: ¡que moderno!
Ora, no fin do artigo acabamos coñecendo a causa de todos os males mancantes da lingua galega: «los nacionalistas y sus diversas terminales». ¡Que poder inmenso teñen os nacionalistas galegos, meu Deus, e eu sen saber nada! De modo e maneira que os que usan, defenden, propagan, popularizan, prestixian? a lingua galega son os culpábeis da súa decadencia, do seu desuso. ¡Drôle argumento, abofé! ¿Será tamén que a liberación en curso das mulleres é a culpábel de que non só non diminuíse senón aínda aumentase a violencia contra delas?
Afinal: ¿cal é o camiño máis rápido para que deixe de identificarse o galego cos nacionalistas que o usan e defenden? Que os non nacionalistas o practiquen coa única medida válida en materia de amor lingüístico: o uso xeral e non o retallado da tradicional diglosia. Requiescat in pace ou pacífico e democrático uso para todos os galegos.