A lei da gravitación universal de Newton dinos que a forza coa que se atraen dúas masas varía co valor da distancia ao cadrado. ¿Por que ao cadrado (a 2) e non ao cubo (a 3), ou a calquera outro expoñente (2,36, 4,79, etcétera)? Se asumimos que a orixe da forza da gravidade é a masa, o método para calcular o valor desa forza é encerrar a masa cunha esfera imaxinaria. Resultado: varía coa distancia elevada ao número de dimensións nas que vivimos, menos 1. É dicir, como vivimos en 3 dimensións, o expoñente é 3-1=2. Agora ben, terán escoitado que se sospeita que hai máis dimensións, enroscadas a un nivel de tamaño moi pequeno. Unha maneira de cheiralas podería ser ver como se comporta a gravidade a distancias moi moi pequenas: se repetimos a operación de antes (encerrar a masa cunha esferiña moi pequena), se houbese máis dimensións ca 3, a distancia quedaría elevada a algo máis que o cadrado. O nobel Eric Cornell dixo hai uns días en Galicia que os condensados de Bose-Einstein poderían ser unha ferramenta para medir eses efectos gravitatorios a distancias moi pequenas. ¿Unha porta a novas dimensións?