Ó Demo

Pedro Puy < / span> TRIBUNA

OPINIÓN

20 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado xoves Nacións Unidas conmemorou o día internacional para a erradicación da pobreza. Un obxectivo que estamos lonxe de acadar. Unha loita na que se teñen dado pasos importantes nas últimas décadas, como demostra o feito de que a pobreza extrema diminuíra no mundo nun 20 % desde a década dos 90 xa que moitos países están a sacar proveito da globalización do comercio e dos incrementos da produtividade agrícola. Parellamente a desigualdade no mundo, que de acordo coas estatísticas dispoñibles non deixou de crecer desde comezos do século XIX, coa revolución industrial, empezou a reducirse, aínda que levemente, desde inicios dos anos 90.

A análise da evolución da desigualdade e da pobreza ofrece dados chamativos nos países desenvolvidos como consecuencia da crise económica. Mentres que nalgúns (Italia, Suecia ou Estados Unidos) a crise afectou moderadamente á desigualdade, noutros a desigualdade está acadando niveis que había moito que non se experimentaban, como en Francia. E sobre todo en España: como demostra Luis Ayala nun recente traballo (en Papeles de Economía Española), rexistramos un dos maiores incrementos da desigualdade desde que comezou a recesión; que abonda no feito de que na anterior etapa de expansión apenas se reduciran as desigualdades. Así, segundo o Índice de Gini (no que 0 equivale á igualdade absoluta; e 1 á desigualdade absoluta) que publica Eurostat, entre 2005-2011 no conxunto da Unión Europea a igualdade mellorou levemente, ao pasarse do 30,6 ao 30,5. En cambio, en España se pasou do 30,7 (practicamente na media comunitaria) ao 34. Un resultado sorprendente cando gobernaba o partido que fai da igualdade a súa bandeira.

Ao igual que a evolución da desigualdade non foi homoxénea nos distintos países europeos, apréciase algo semellante nas comunidades autónomas. A medición das taxas rexionais de pobreza elaborada por Pérez Mayo (tamén en Papeles) dá boa conta disto. No conxunto de España, a taxa de pobreza no 2005 era do 19,8; ao remate do 2008 do 19,6; e no 2011 do 21,8. En Galicia a evolución é: 19,7 no ano 2005, é dicir lixeiramente por baixo da media; do 21 no ano 2008, ou sexa, un índice de pobreza superior á media; e ao final do 2011 é do 18,8, é dicir, ben por baixo da media. Datos que convén lembrar á hora de cualificar ás políticas sociais desenvolvidas polos distintos Gobernos autonómicos.

Ao finalizar o debate do estado da autonomía un compañeiro do Grupo Parlamentario Popular (e neste caso, máis que «a pesares» e precisamente por ser compañeiro de grupo, tamén amigo) pasoume un poema de Antonio Noriega, o xornalista e escritor mindoniense a quen a Academia Galega dedicou o Día das Letras de 1969. Titulado O demo, nun dos seus fragmentos di: «¿A quen se lle bota a culpa na miña parroquia? / Ó demo. / O demo apaga os candiles/ o demo queima os palleiros / entra o demo nunha casa / ¡anda todo ós catro ventos / non hai reparto de consumos / sin intervención do demo / El é o que mata i esfola / i o que revolve o concello...».

Para el, era o resumo perfecto do discurso da oposición no debate sobre o estado da autonomía, fronte a calquera dos datos ou argumentos que se lle presentaron ao longo dos tres días de debate. Presentados os orzamentos para o 2014, e escoitadas as primeiras valoracións dos (novos ou vellos) voceiros da parroquia da oposición, semella que, lamentablemente e de novo fronte a calquera evidencia, non se van mover do seu conxuro: ¡orzamentos do demo!