Unha esperanza islámica

Camilo Nogueira (Exeurodeputado do BNG) TRIBUNA

OPINIÓN

21 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A inmolación en Túnez do xoven Mohamed Bouazizi en decembro do 2010 despois de serlle confiscado o seu modesto medio de vida, foi o catalizador do movemento cívico que fixo caer ao ditador Zine el Abidine Ben Ali e acendeu a definida como primavera árabe. Sumáronse despois outros Estados, con revoltas populares democráticas tornadas en conflitos bélicos, golpes de Estado militares e guerras atizadas coa intervención de potencias estranxeiras, presaxiando un futuro desesperanzado.

Mais semella que a República tunecina pode ser o primeiro país da grande rexión árabe onde a revolta da populación alumee unha solución democrática e independente, coa aprobación dunha Constitución inclusiva, respondendo a principios laicos, en especial a igualdade entre as mulleres e os homes, e respeitosa das diversas crenzas relixiosas.

Chegados a Túnez o 30 de setembro e permanecendo ata o 5 de outubro, unha misión da Asociación de ex Membros do Parlamento Europeo (coa participación de representantes de oito dos Estados europeos máis populosos; o Estado español con dous exdeputados de Cataluña e Galiza) coincidiu por fortuna co principio dun diálogo nacional entre os partidos presentes na Asemblea Constituínte saída das eleccións de outubro do 2011, que estivera atrancada por causa de fondas diferenzas internas, principalmente no tocante ás visións laicas ou islamistas da definición das institucións estatais.

Nese clima, e tal como fora previsto, os exdeputados do Parlamento Europeo mantiveron entrevistas cos presidentes da República, da Asemblea Constituínte e do Goberno estatal e tamén con todos os partidos políticos da Cámara, así como con representantes das asociacións cívicas, dos sindicatos, das organizacións económicas, das asociacións de mulleres e da universidade, experiencia que será trasladada ao PE.

O diálogo nacional fora impulsado polo sindicato UXTT, presente en todo o país, a patronal UTICA, a Orde nacional dos avogados e a Liga de defensa dos dereitos humanos. Asinado pola práctica totalidade das forzas políticas, e iniciado este 5 de outubro, o diálogo ten como obxectivo a formación dun Goberno estatal configurado por persoas independentes -que non se presentarán aos comicios-, a aprobación da Constitución e dunha nova Lei Electoral e a celebración de novas eleccións; tendo o propósito de o proceso ser remado en poucas semanas.

Esperando que eses compromisos dean froito, atendendo aos problemas económicos e sociais necesitados de solución, preténdese superar o estancamento político derivado das graves diverxencias entre os tres partidos gobernantes e os diversos partidos da oposición.

Dominando o Goberno, o islamista Ennahdha, que conseguira o 40 % dos votos, retrasou a aprobación da Constitución e mostrou a intención de aproveitar o tempo constituínte e desde o poder para multiplicar a súa presenza directa nas institucións estatais, rexionais e locais e asegurar o establecemento dun Estado rexido por principios islamistas dogmáticos, entre eles o que relega á muller á condición de complementaria do home. Tal estratexia foi combatida pola maioría dos partidos da oposición, ata o punto de o principal entre eles, Nida Tounès, terse retirado da Asemblea Constituínte.

Hai motivos para a esperar que a barca do diálogo chegue a bo porto. Sendo un país de tradición musulmana e contando aínda con realidades conservadoras, a sociedade tunecina dispón de estruturas institucionais, económicas e sociais modernas. Herdou de Habib Burguiba, o dirixente da independencia fronte a Francia, a educación e a sanidade públicas. As mulleres supoñen o 68 % dos estudantes nas universidades, ocupando con frecuencia os catro primeiros postos nas cualificacións finais. Os traballadores están en boa medida sindicados. As relacións económicas exteriores, sobre todo coa UE, non son unha excepción. A lingua nacional e de todos é a árabe, coñecendo o francés unha boa parte da xente.

Con 11 millóns de habitantes, 165.000 quilómetros cadrados de superficie e 1.300 quilómetros de costa, Túnez está asentado no mundo musulmán. Os voos diarios que se anuncian nas pantallas do aeroporto da capital, a Marrocos e Alxeria e a Exipto, Arabia Saudita ou o Golfo, espellan a profundidade desa realidade. Mais iso non oculta os voos que, tamén en grande número, teñen por destino os países europeos.

Fican no recordo a inmensa e deslumbrantemente verde costa que abraza a fermosa cidade e a memoria de Cartago.