Urbanismo responsable

Encarnación Rivas Díaz FIRMA INVITADA

OPINIÓN

23 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Tras máis dunha década de andaina da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUG), a propia evolución da sociedade galega, a nova realidade existente e os continuos cambios normativos no eido urbanístico e medioambiental demandan que se formule outro modelo lexislativo.

Dez son os obxectivos perseguidos. Consenso, porque é tempo de camiñar xuntos para que a nova Lei do Solo non se converta na undécima modificación da LOUG. Aplicación, porque non se busca un manual académico, senón unha ferramenta útil e práctica, dotando con plans básicos aos concellos sen complexidade urbanística. Acabar co feísmo, concienciando aos cidadáns de seren a peza clave na construción do territorio, para que asuman a necesidade de mantemento das edificacións, integrándoas no contorno e na paisaxe. Estabilidade, porque non podemos desbotar o aprendido, mesmo dos erros. Seguridade xurídica, fuxindo no posible da discrecionalidade. Aposta pola autonomía local, que xa non precisa tutela. Axilidade e eficacia nas tramitacións, para non quedarmos no camiño, alixeirando o contido do planeamento e sistematizando os informes sectoriais preceptivos. Simplificación administrativa, eliminando os trámites innecesarios e os documentos prescindibles. Claridade, para que sexa comprensible por todos. E transparencia, porque non hai nada que ocultar.

Asumimos que a lei non é a pedra filosofal, porque tampouco é o problema. Claramente o problema reside na carencia de plans adecuados. Daquela, a prioridade estratéxica da nova lei é posibilitar que cada un dos 314 concellos conte cun planeamento de calidade nun prazo razoable, que ordene o desenvolvemento urbanístico racional e equilibrado do territorio, preservándoo e protexéndoo, mais tamén impulsando a súa revitalización mediante o recoñecemento do solo rústico como solo produtivo que acolla actividades económicas vinculadas aos recursos naturais.

A posta en valor do acervo urbanístico da nosa comunidade e o seu desenvolvemento harmónico non poden acadarse exclusivamente por lei, senón que esixen a aprobación de planeamentos municipais de calidade.

Ofrécese á cidadanía unha guía para a ordenación, protección e mellora do territorio. E esperamos a súa resposta. Tamén a das forzas políticas. Preséntase un instrumento de urbanismo responsable, que esixe a corresponsabilidade de todos os axentes implicados. Cada un de nós temos que ser quen de asumila. Os piares da sociedade deben asentarse necesariamente sobre o consenso. Un deses piares é o modelo territorial.

Noutro caso, a nova lei será a mostra dun fracaso colectivo. Está nas nosas mans evitalo.

Encarnación Rivas Díaz é Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia