Sala de espera dun ambulatorio, neste caso dunha desas clínicas de prevención laboral onde as empresas aínda envían os seus traballadores para facer cada ano un recoñecemento médico. Pendentes de pasar ao gabinete de extraccións de sangue agardan dous operarios da construción, un condutor de camións e quen isto asina. A crónica escríbese dende a experiencia vivida. Vannos chamando polo nome. En moitos casos o médico, que ten as historias clínicas diante, atende a persoas que xa nos sometemos a recoñecemento en anos anteriores. «Os electrocardiogramas son importantes», explícame. «Serven para detectar posibles doenzas que ás veces non se ven, pero que en moitos casos son fundamentais: para prever mareos ou caídas de tensión no traballo nas alturas, por exemplo, ou unhas longas xornadas no volante».
Na miña aldea, na periferia de Santiago, un observatorio semellante son as antesalas do ambulatorio, onde abunda a xente maior. Os máis deles van por receitas, ou para facer o seguimento de enfermidades crónicas, ou alteracións propias da idade. «Teño o meu home na casa dende hai mais dun ano», coméntame unha señora. «Unha trombose. Deulle de súpeto e non o levou, pero deixouno eivado de medio corpo. Seica lle queren cambiar a medicación. Antes daban as medicinas pola Seguridade Social, pero dende que empezou a crise moitas delas retiráronas e agora, se queremos seguir coas vellas, temos que pagalas».
Coméntame a muller, que desafoga diante da concorrencia, que o home andaba no paro, di así: «andaba no paro», non moita cousa, mais ía axudándose con pequenos traballos na parroquia, chapuciñas, que axudaban a economía familiar e, sobre todo, o pasar dos fillos, tamén sen traballo. «Apertámonos coa leira e algúns animais que temos na casa, para ila levando». A familia terma da crise. Inevitablemente, un pensa na vella economía dos nosos avós. «Cun porquiño debaixo da escaleira, aguantamos». Así está a situación. Os discursos da macroeconomía se cadra din outra cousa, pero esta é a realidade próxima.
O médico da prevención social atende diariamente arredor de vinte persoas, en principio todas elas con traballo. Son xente calada, que cubre os estadillos en silencio e agarda. En determinado momento pregúntolle polas doenzas máis comúns, máis por curiosidade ca por outra razón, se cadra por fiar a conversa. O doutor non o dubida un instante. Fai unha pausa e responde: «O desánimo social». Non di depresión, prefire «desánimo social», pero ambos os dous sabemos o que significa. «O desánimo social empeza a ser tan intenso que ameaza con converterse en pandemia. Na miña opinión esta é a derivada máis grave. Non falo de saír da crise nin de afrontar a economía. Imos ter que empezar a falar en serio da saúde: da saúde física e da saúde psíquica, que van xuntas. Non sei o que dirán as estatísticas, se é que se fan, pero os cancros, os problemas cardíacos e vasculares, as crises de diabete, os ictus, os infartos vai haber que empezar a explicalos tamén desta outra maneira».