O PSOE segue cos desacertos

OPINIÓN

18 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

F oi unha oportunidade perdida a recente conferencia política do PSOE: calquera político merecente dese nome tería aceptado sen moito esforzo a celebración de primarias, por moi diversas causas: porque sería o máis democrático, porque sería unha maneira de endereitar un camiño que non leva a ningures, porque daría unha imaxe do cambio que a cidadanía desexa e non ve por ningures.

Polo demais, Rubalcaba non acaba de decatarse de que a súa persoa sobra no partido. El é o pasado, un pasado que xa está esgotado e que debe ser cancelado dunha vez. Á parte de que tampouco pareza que comprenda que como comunicador é unha verdadeira calamidade.

Problema este de moita gravidade, porque non só lle atinxe a el, senón a case todos os membros máis visibles do seu partido. Porque unha de dúas: ou son moi malos comunicadores, que é o que eu penso, ou non teñen moito que comunicar, ou non saben facelo, ou non souberon polo de agora debuxar un programa con credibilidade.

Por sinalar tan só unha das varias posibilidades de actuación política futura, a súa conversión ao federalismo, naquela conferencia, resulta moi pouco crible ao non vir axudada por ningunha idea que lle sirva de alicerce. Moita improvisación, lóxico oportunismo, poucas novidades suxestivas para o porvir.

Así as cousas, o lóxico é que se siga producindo o que xa vén ocorrendo: que votos que teoricamente poderían ser para o PSOE sigan emigrando, perdéndose entre distintas opcións. Isto pode velo calquera, agás, polo que semella, o señor Rubalcaba. ¿Non hai ninguén que o poida convencer de que é un pésimo comunicador e que, nesas condicións, o mellor, ou o único, que pode facer é deixar sitio para outro? Haberá que agardar ás decisións do comité federal de xaneiro.