Imos indo a peor

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

25 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda un cego pode ver que nestes dous anos fomos indo a peor en número de parados (máis dun millón), en pobreza (chegamos a un 22 por 100 da poboación e a un 50 por 100 da mocidade desempregada), e no incremento das desigualdades, as maiores de Europa, orixinando un maior número de pobres e un maior número de ricos.

Claro que comprían correccións na política económica, algunhas delas determinantes, e que nin de lonxe foron acometidas, como unha indispensable reforma impositiva, unha verdadeira persecución do fraude fiscal, un imposto a certas operacións bancarias e ás grandes fortunas? entre outras medidas, todas as que, de crer aos expertos, afastarían de nós calquera idea de rescate, por unha banda, e, por outra, abondarían para obter os recursos necesarios para endereitar a nosa economía.

Lonxe disto, economistas independentes, non vencellados á banca nin a outros intereses alleos ao común, suxiren que todas as medidas do Goberno parecen pensadas para que os máis ricos se fagan máis ricos e os pobres máis pobres, ata lindes que dan arrepío, como nolo demostran Cáritas e a Fundación Foessa. A conclusión que moitos sacan é que o Goberno está facéndoo moi ben para os intereses dun 10 por 100 da sociedade e moi mal, desesperadamente mal, para o 90 por 100 restante. Supoñemos que esta afirmación esixe ser matizada, pero, en liñas xerais, pode que exprese bastante ben o que pasa na realidade. Por iso o Goberno se ve na necesidade de ir adiando calquera idea de saída desta situación, sobre todo cando Bruxelas ou a troika suxiren que hai que seguir pospoñendo as boas noticias. Cando semella que alumea un certo optimismo, veñen os europeos e din que non, por agora. E a seguir esperando, que a festa aínda queda lonxe.