O que non se entende

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Todos os días dende hai xa un bo tempo saen da cárcere perigosísimos asasinos, terroristas, violadores, xente que matou nenos e xente indefensa e inocente. Todos os días aparecen comentarios na prensa sobre se a doctrina Parot se aplicou ben ou mal, e que se o Tribunal Constitucional, que se o Supremo, que se o de Estrasburgo, e que se había que aplicar a resolución só a unha etarra ou facela extensiva a todo monstro con vinte anos cumpridos de cadea... E todos os días aumenta a preocupación, o medo, o desconcerto dos que, coma min, non entendemos que se apliquen beneficios penitenciarios a xente que nin se arrepinte nin sequera se avergonza, que se burla nos xuízos e se ri na cara dos parentes dos que eles asasinaron. Eu son contraria á pena de morte por moitas razóns que agora non é momento de expoñer, pero creo que hai delitos que merecen cadea perpetua, sen rebaixas. O que hoxe moitos non entendemos é por que se libera a xente que é un perigo para a sociedade, por que se condena a setecentos ou mil anos a uns asasinos despiadados, se aos vinte anos os van poñer na rúa. ¿Que clase de farsa é esa? Hai xente que non debería saír nunca do cárcere porque non teñen redención, porque, se a ocasión se presenta, volverán matar.