Quérote por

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

05 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Decembro espertou coma sempre: as luces penduradas do ceo e das rúas, dos soños e da caixa de tabaco das cercanías; e as súas sombras deitadas, anónimas e aflixidas, en calquera lado. É bo momento para instalar o optimismo en medio da praza dos días. Porque hai motivos para que non falten os motivos. Unha declaración de afectos, iso é o que precisamos. Esquecemos agradecer, este decembro precisamente, que vivimos. Respirar é unha vitoria. Incluso eses golpes de tos que nos fan humanos resultan reconfortantes. E o frío. E a chuvia que vén e vai. E os pronósticos de Reis Magos agardando o tren que viaxa a Galicia, pórtico do paraíso. Esquecemos agradecer e afirmar que te queremos, rotundamente. E así o escribo, en nome de todos os cómplices de cada xoves, neste recanto de flores. Quérote por cada abrazo que puiden devolver e polos bicos insensatos. Polas ausencias que aínda hoxe acariñan o meu presente. Porque dous e dous non sempre suman catro e a alegría, que carece de lóxica, pode chegar inesperada no momento máis inesperado. Pola ilusión: esa insistencia en repetir que máis alá do horizonte hai un horizonte máis feliz. Polos que están próximos, familiares, amigos, fraternalmente necesarios. Pola pel que convoca tenrura. Pola tenrura, arrebatadamente. Polo compartido. Porque sempre hai alguén que escribe cartas de amor, a pesar de que o amor está pasado de moda nos noticiarios. Polo ruído do xeo cando camiño. Por Tango que camiña comigo. Por John Banville. Polos boleros. Polos poemas vívidos e vividos. Por ti, brindando fronte ao espello. Quérote por, vida (punto punto punto).