A lei que prepara o Goberno sobre seguridade cidadá tivo, como a chamada lei Wert, ou a de taxas xudiciais e outras reformas máis, a rara virtude de ser rexeitada por unanimidade tanto pola oposición como polos máis diversos sectores da sociedade.
Nin sequera a totalidade da dereita está de acordo cunha lei que tanto lembra o réxime anterior.
Téñense subliñado as súas graves ilegalidades, o seu carácter antidemocrático, de supoñer unha volta aos tempos do Tribunal de Orden Público, de afogar a protesta política con multas de pago imposible, de eludir o control xudicial dos actos represivos, de ir a unha censura encuberta, de rabenar garantías e dereitos... todo o cal, en liñas xerais, é certo. O mesmo Consello de Europa xulga esa lei como «desproporcionada».
Na súa teima represiva, o Goberno semella non decatarse de que tanta violencia vai xerar máis violencia. Sen necesidade ningunha, pois na actualidade non se rexistran actos violentos xeneralizados que reclamen medidas represivas extraordinarias. Por iso moitos pensan se estamos sementando ventos para crear tempestades.
Aos promotores da «marca España» debera preocuparlles que, despois dos paus que nos deron en tribunais e organismos internacionais, veña agora o Consello de Europa a darnos outro tirón de orellas, ou que o Xulgado do Social n.º 2 de Barcelona diga nunha sentencia que a reforma laboral incumpre as leis internacionais.
Non importa, o Goberno ten a moral moi alta: a señora vicepresidenta sostivo que con esa futura lei «gañan espazo as liberdades públicas», que «estarán mellor reguladas e protexidas». Máis ben o contrario: esa lei contribuirá ao desprestixio internacional do país, á súa menor credibilidade, a crear problemas onde non os hai.