A fortuna

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

12 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As miñas tres mulleres. Esta mala saúde de ferro. Os días e as noites: presente e pasado. As películas nas que debo pensar e as que non permiten que pense. Os libros: paraísos (e, por veces, inferno). Os poemas. Os bicos. Escoitar. Comer cun cómplice despois dunha mañá intensa, preguntar e ser preguntado, mirarnos, dialogar. O sol. A chuvia. O río. Monterrei, castelo de meigas boas que distancian fatalidades e ameazas. Os amigos: para cantar desafinar rir discutir. Dar. Araceli, Xosé, Adelino. Carlos, que é do Barça (absolutamente) como o seu padriño. O fútbol: única desconexión. Saber que estás aí, que les esta columna, envías, les outra vez, recortas, e que algunha vez deixaches caer algunha bágoa no papel. As esperanzas, que non claudican a pesar de ser confiscadas en numerosas ocasións polos árbitros da actualidade. O pan centeo. O viño compartido. Os amigos, outra vez. As noites de lúa paseando só entre as ruínas do meu Verín. O tabaco que deixei de fumar. Os recordos bos, os bos recordos. Algúns ollos. Algunhas palabras, ás que lles entreguei boa parte da miña vida. As ilusións. A xenerosidade. A imperiosa necesidade de amar e ser amado. Os que sempre están. Os que marcharon (e aínda recordo con dozura). Algunha liña, quizá, dos máis de trinta libros que escribín. Algún verso, quizá, de todos os que depositei no fondo dos vasos. Janis Joplin. O vello Pionner de 1985. Ver felices aos que están cerca. John Banville, desculpen que insista unha semana máis. Saber que quero e que me queren. As miñas tres mulleres (creo que xa o dixen). Existen outras fortunas, seino. Esta é a miña.