Nostalxia da EXB

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

18 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando se aprobou a Lei Xeral de Educación de 1970, Nelson Mandela levaba xa oito anos na cadea e quedábanlle case outros vinte para saír en liberdade e protagonizar unha das grandes epopeas do século XX. Na España do final da ditadura o réxime estaba acometendo os cambios que o franquismo necesitaba para seguir durando naquel contexto de mudanzas e novas demandas sociais. A propaganda loaba as novas ensinanzas que cos máis modernos métodos pedagóxicos ían mellorar o nivel educativo e sobre todo aumentar o número de titulados, pois naquela España de grandes desigualdades de clase só o 27 % dos estudantes de primaria chegaban ao bacharelato e só o 3 % á universidade. Mellorar o futuro dos fillos a través da formación e aínda darlles carreira universitaria era a máis estendida aspiración das nacentes clases medias e o franquismo que o sabía foi quen de favorecelo e intentar utilizalo ao seu favor. Tendo en conta o que trae a reforma Wert, non resulta estraño que rebroten as saudades da EXB e o BUP nos pais e nais dos sufridores actuais da escola.

A educación nos Estados contemporáneos atendeu historicamente a dous fins principais: formar cidadáns/súbditos nacionais e favorecer a igualación social cunha mobilidade ascendente derivada das novas oportunidades da educación universal. En ambas as dúas cousas a proposta de Wert retrocede décadas atrás de 1970. Para formar nacionais o modelo, explicitado cando defendeu usar a educación para españolizar Cataluña, é o do Bacharelato Nacional de 1938, promulgado en plena guerra dende os valores antidemocráticos do Exército sublevado coa intención declarada de arrasar a liberdade de conciencia e de pensamento na educación pública e na privada todo o que lembrase á Institución Libre de Enseñanza. A recuperación das reválidas do Bacharelato de 1953, abolidas con pompa pola Lei Xeral de Educación, marca o vello camiño da desigualdade que quere choer a época do acceso universal para volver a aquilo de que non todos poden estudar ou non todos valen para estudar.

Evitar a igualación social que favorece o sistema educativo é o obxectivo ideolóxico que está a desenvolverse. Logo están esas ladaíñas, como a importancia de recuperar a cultura do esforzo que machaconamente repite dende hai anos a dereita de Bárcenas, Correa e Crespo ou a famosa restitución da autoridade ao profesorado, asunto no que o substantivo é a autoridade e non o profesorado, vendo como está sendo tratado. Fronte á renovación pedagóxica que trouxeron os mestres aqueles -os mellores mestres- que hoxe se xubilan con 60 anos, estes novos aires anuncian un retroceso de décadas. Volvemos atrás educativamente pero tamén politicamente pois paradoxalmente a reforma daquel ministro franquista, Villar Palasí, logrou máis consenso en plena ditadura (concentracións escolares aparte) do que está logrando a de Wert. Nunca o pasado foi mellor, pero a EXB pasada era mellor que o futuro modelo que propoñen. Aínda hoxe nos Estados Unidos, en termos xerais, aquel modelo de organización segue sendo o que está en vigor, mentres aquí imos polo cuarto cambio.