Desprestixio das institucións

OPINIÓN

13 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

É lóxico que o fiscal queira abrir unha investigación se, como parece, o ministro do Interior puido rebentar unha operación adiantándose a dar informacións aos medios antes do inicio da mesma. Parece que esa inxustificada présa puido posibilitar a destrución de probas -o que sería de extrema gravidade.

É lóxico tamén que o Executivo vasco pense que semellante anomalía só tivese como finalidade saír no telexornal, ou, como tamén parece posible, porque coidaron que desa maneira se contentaba ás vítimas do terrorismo. E, dentro de tanta situación ilóxica, é lóxico que esta tan pouco intelixente saída de Interior concite o acordo de todos os partidos rexeitando e condenando a medida, o mesmo que a Policía e a Garda Civil. Peor imposible.

Pero o que non é lóxico, nin político, nin intelixente, é que unha vez máis, e sen motivo, Interior se vexa na necesidade urxente de recorrer á política de pau e tente teso, ou sexa, á peor política imaxinable, que é a ausencia de política. E así lle vai. É como se quixese emular en incompetencia a outros compañeiros seus ben coñecidos.

Pero o máis grave de todo é o desprestixio que a medida supón para as institucións do Estado: estas non poden quedar apreixadas en medidas non só arbitrarias, senón tamén tan prexudiciais como pode ser, se ese é o caso, poñer en grave risco o éxito dunha operación policial.

E hai que pensar, a falta doutra explicación convincente (que non se deu, agás atribuíndo o caso a un erro, o que non é unha explicación) que en Interior cultivan a frivolidade como cousa natural. Pero o poder punitivo do Estado non pode ser nunca unha frivolidade. Porque en tal caso xa non sería merecente de respecto. ¿Comprenderá isto o señor ministro do Interior? Parece que non.