Unha tía miña morreu hai unhas semanas, ao borde dos 100 anos. Cando ela naceu, tivo contacto directo con xente que nacera cando Napoleón aínda estaba vivo. Na última etapa da súa vida naceu meu sobriño, cuxa vida podería chegar máis aló do ano 2100. Cando el teña a idade á que morreu miña tía, terá contacto persoal con nenos nacidos no século XXII, que chegarán a vivir máis aló do ano 2200, o século XXIII. A miña tía e o meu sobriño, a través de contactos persoais directos, unirán así o inicio do século XIX co inicio do século XXIII, unha idea que a min sempre me produciu fascinación e vertixe. Na época de Napoleón era inimaxinable que unha persoa coma miña tía puidese ver e falarlle a un familiar que está ao outro lado do mundo, simplemente cunha tableta na man e sentada na horta. A ciencia é a que marca a diferenza, o motor que arrastra os progresos da nosa especie. Son dos que opina que, grazas á ciencia, se vive mellor no século XXI que no XIX. Se teñen dúbidas, pensen con perspectiva nas cousas que cambiaron... e especulen sobre o que verá ese neno ao chegar ao século XXIII.