Chamadas e M&M's

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

19 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

11 de maio de 2010. O presidente Obama chama ao presidente Zapatero. Segundo este último conta en El dilema. 600 días de vértigo (páx. 119), «la llamada de Obama se presentó ante la opinión pública como un llamada de atención o una especie de apremio por parte de la Casa Blanca», pero en realidade fora de «apoyo, de comprensión, de solidaridad...». O seu receptor a interpreta como unha confirmación da importancia que para a economía internacional tiña España: «Se España cae será peor que a caída de Lehman Brothers», provocando unha nova e peor recesión mundial. O daquelas director do Departamento de análise e estudos da Presidencia do Goberno, Andrés Ortega, contextualiza a chamada no seu libro ¿Qué nos ha pasado? El fallo de un país (con Ángel Pascual-Ramsay, paxs. 228-229): «... España llegó a preocupar seriamente a Washington por su efecto en la estabilidad del euro. De ahí la famosa llamada de Obama a Zapatero en mayo de 2010... Las relaciones con la Administración de Obama mejoraron pero no en el grado de intimidad que buscaba Zapatero».

Ao día seguinte da chamada de Obama, o 12 de maio de 2010, Zapatero comparece no Congreso para informar dos resultados dos cumios de presidentes da zona euro e de ministros de economía europeos, reunidos respectivamente o 7 e o 9 dese mesmo mes de maio. Na súa intervención, o presidente Zapatero busca nas facianas dos deputados socialistas comprensión, máis atopa caras «serias, graves e con algún rictus de amargura» (El Dilema, páx. 13). Non era para menos: o presidente lles estaba a anunciar, por sorpresa, que o Goberno ía reducir o déficit público en 30.000 millóns de euros nun paquete que incluía a suba do IVE, a supresión do cheque-bebé de 2.500 euros, a reducción inmediata dun 5 % de media do soldo dos empregados públicos e a súa conxelación ao ano seguinte, e a conxelación das pensións, entre outras medidas.

Outro economista que colaborou co Goberno socialista, Manuel Conthe, e en relación ás queixas que Zapatero expresa no seu libro sobre a preeminencia dos mercados sobre a política, sostén que el mesmo inclúe en El Dilema a solución a ese problema: a preeminencia da política obtense «mantendo unhas finanzas públicas saneadas e un país competitivo que non sexa escravo do financiamento exterior» (Expansión, 19-12-2013). Conthe laiase de que o expresidente non sexa quen de ter interiorizado esta conclusión.

13 de xaneiro de 2014. O presidente Obama recibe ao presidente Rajoy na Casa Blanca, onde escoita avais á súa política económica, enfrontada agora ao reto pendente de reducir o desemprego, e eloxios ao seu «gran liderado». Intercambian presentes. O español agasalla a Obama cunha reproducción dunha carta de Vasco Núñez de Balboa aos Reis Católicos, unha biografía do explorador español e un mapamundi da época. En troques, recibe unha caixiña de chuches americanas, as coñecidas M&M's. Unha caixiña, pois, rechea de anacos de chocolate recubertos de sucre de cores, a imitación dos smarties ingleses que, a súa vez (Wikipedia dixit) foron concebidos cando o seu fabricante, Forrest Edward Mars, observou durante a Guerra Civil española a uns soldados comer boliñas de chocolate recubertas de sucre para evitar que se afundisen entre os dedos a consecuencia da calor.

Ao día seguinte de recibir o seu agasallo das mans de Obama, o presidente Rajoy foi recibir novos parabéns de labios da directora do FMI, e a acompañar a varias empresas españolas á Cámara de Comercio dos EE.UU. na procura de investimentos e novas exportacións. E cicais, de darlle credibilidade á Wikipedia e de non lle ter advertido os seus asesores da relevancia histórica do regalo de Obama, a degustar un trago moito máis doce que o que baixou Zapatero ao día seguinte da chamada de Obama: os M&M's presidenciais. Seguro que os interiorizou tan ben como ten interiorizado que, para saír da crise financeira e facilitar a creación de emprego, o que compre e ter unhas finanzas públicas saneadas e un país competitivo que non sexa escravo do financiamento exterior.