Joyce reinterpretado

Xavier Alcalá< / span> A VOO DE TECLA

OPINIÓN

«A Literatura está por cima das linguas» mais «O autor debe facer Literatura na lingua do pobo que lle deu substancia literaria». Isto vén ao fío de que Galaxia publica o Ulysses de Joyce nunha redonda versión ao galego. Sen desprezo para as damas intervenientes nela, a quen isto escribe cómprelle falar de dous amigos de Bruxelas con pseudónimo literario: un moi coñecido, Xavier Queipo, e outro case descoñecido, Antón Vialle. A Literatura está por cima das linguas, pero obriga a interpretar -non só a traducir- cando as distancias culturais son grandes. É certísimo que a alma do escritor descansa cando fai Literatura na lingua do seu pobo, mais ¿cal é a lingua da Irlanda? A inmensa maioría dos irlandeses son aglotas. Joyce non escolleu lingua, escribiu na súa, a do amo inglés.

Desde o inglés dos amos do mundo, catro galegos lanzáronse a interpretar o que hoxe lemos doadamente. Por dous asino aval: o Queipo traballa en inglés, é poeta oficial de Bruxelas e narrador galego de infinitos rexistros. O Vialle é intérprete de profesión; pasando polo inglés cando lle fai falta, interpreta desde e para portugués, castelán, francés, italiano, neerlandés, alemán, sueco e polaco... De novo vale dicir que «Galicia é a Diáspora»: coa achega dos expatriados, o galego faise lingua universal.