As 15 mortes en Ceuta son a punta dun iceberg, o principio dun asunto que vai ter un longo percorrido. Non sei se o mesmo que tivo Casas Viejas na II República. Refírome ao caso de xaneiro de 1933, cando nese lugar de Cádiz, en resposta a unha sublevación anarquista con asalto ao cuartel da Garda Civil incluído, un destacamento de gardas de asalto ao mando dun capitán, malinterpretando as instrucións do director xeral de Seguridade, arrasou o lugar disparando e queimando unha casa cos moradores dentro, causando 22 mortos, incluíndo un neno. Os enganos do capitán, a ocultación de responsabilidades, as mentiras duns e a falta de reacción política doutros, converteu o asunto nun escándalo para o Goberno de Azaña ata as eleccións e ata hoxe nunha lenda negra da República.
A comparación ven a conto, en todo caso ven á memoria, por unha serie de similitudes. En primeiro lugar, as reaccións encadeadas dos responsables políticos, empezando polo gobernador civil, seguindo polo nunca ben ponderado director xeral da Garda Civil e chegando ata a comparecencia, primeira polo de agora, do ministro do Interior, a falta aínda de reacción do presidente do Goberno. Tamén pola decidida reacción dos medios afíns ao Goberno neste caso, empeñados en defender calquera solución adoptada, porque o contrario e ir contra as FOP ou, insisten, defender que se lle abra porta á inmigración de forma masiva.
Todo en conxunto, envolto nun nerviosismo digno de mellor causa, agocha tamén aquí o problema principal e concreto: a morte de 15 persoas a resultas dun intento de inmigración ilegal para a que no temos aínda unha explicación intelixible, pois canto se vai sabendo -e vendo- fai verosímil a peor das versións posibles. O asunto reúne sinais perigosos: os sucesivos cambios de versión, a evidencia de que houbo disparos, confirmados polo ministro e os relatos dos protagonistas, que en conxunto requiren unha explicación definitiva e a asunción de responsabilidades. Por outra parte, o de Ceuta súmase á evidencia do endurecemento das condicións cara os estranxeiros que queren entrar ilegalmente na Unión Europea a través do territorio español: devolucións chamadas en quente, repatriacións sistemáticas en voos contratados ao efecto, coitelas nos valados, denuncias de malos tratos aos internados.
Non estamos en 1933, pero politicamente resulta tan evidente que o asunto non pode ficar sen dirimir responsabilidades, como previsible que ninguén as asuma, porque España segue empeñada en ser unha excepción no comportamento político do poder. Policialmente tamén merece unha reflexión, porque aquí non vale a excepción e como en todas as policías democráticas os excesos deben ser controlados.
Sería unha conclusión terrible pensar que a cultura policial española aínda teña marcas de Billy el Niño e Muñecas, herdeiros dos que aprenderon coa Gestapo e foron mestres para as policías das ditaduras latinoamericanas. Ata nos novos Mossos d?Esquadra vemos eses preocupantes estigmas que cómpre arrincar.