O valor minguante da cultura

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A finais do ano 2010 o músico arxentino Daniel Barenboim sorprendeu a audiencia cando na inauguración da tempada de ópera, na Scala de Milán, un dos santuarios do xénero, plantou por un intre a orquestra e, diante do presidente da República, Giorgio Napolitano, e o daquela primeiro ministro, Berluconi, denunciou a situación de abandono e progresivo estragamento de recursos públicos que estaba a padecer a realidade cultural italiana. «Estamos profundamente preocupados polo futuro da cultura, en Italia e en Europa», advertiu, antes de botar man da Constitución para lembrar o compromiso que obriga a soster o patrimonio e a actividade artística e educativa.

O xesto (mediático) deu a volta ao mundo. Mais a situación que denunciaba Barenboim non fixo máis ca empeorar. Hai pouco o pedagogo e tamén músico Josep Soler (Barcelona, 1935), rexeitaba públicamente a concesión da medalla de ouro do Merito das Belas Artes en España porque «non podo aceptar o recoñecemento dun Goberno que está a levar o mundo da cultura e unha situación vergoñenta e humillante». Non son casos illados. O ministro Wert xa prefire non acudir aos actos de celebración (os premios Goya deste ano), onde as críticas á política da Administración son cada vez máis incisivas. ¡Cousa dos artistiñas! ¿Qué outra nos queda? En Grecia, en Francia, en Portugal veñen producíndose seguido manifestacións deste tipo. A última (penúltima) nas rúas de Madrid hai un par de semanas.

Aquí somos máis caladiños, máis pousados, ou máis mansos, non sei. Pero a situación é a mesma. As cargas fiscais (a subida escandalosa do IVA), a merma de recursos económicos dos individuos e as familias, os chamados axustes da Administración pública (en cultura e en educación), malia as periódicas declaracións triunfalistas por parte dos nosos gobernantes, que miran para outro lado e teiman en rabuñar xa as poucas migallas que quedan, están a convertir o eido cultural nun ermo difícilmente habitable. A decisión recente do grupo Berrogüeto de poñer fin ás súas actividades, logo de 18 anos de brillante traxectoria artística e profesional, non é máis ca un capítulo, non o derradeiro, deste proceso.

¿Para que serve a cultura? Pedro Petouto, mestre (subversivo) na aldea galega do XIX, recuperado contra finais do franquismo polo profesor Alonso Montero, dicía que «ou a cultura serve para abrir os ollos ou non é cultura». ¡Abrir os ollos! Diante das inxustizas do mundo, diante do desequilibrio social, diante do poder que asoballa e corrompe, para que os homes e as mulleres (os seres humanos) sexan máis libres, máis donos do seu, máis dotados para lle facer fronte ao futuro. Os libros non chegan ás bibliotecas (ou chegan mal e tarde), os recursos para a docencia e a investigación minguan en cada orzamento, os investimentos públicos desaparecen, as infraestruturas esmorecen? A burra do conto afacerase de tal maneira a deixar de comer que acabará morrendo, «de norte matada», que diría o poeta. Daquela non nos quedará máis cá televisión.