Unha das máis eficaces contribucións á desinformación xeral da sociedade son os chamados «tertulianos», eses seres que berran todos a un tempo, que esbardallan máis que falan, de moi baixo nivel intelectual e dunha vulgaridade que conmove. Hai quen pensa que esas son características especialmente procuradas para ser «tertuliano».
Non importa agora que todo iso non sexa máis que o propio dun paradigma da desinformación como é a televisión. O que agora quixera saber é que finalidade se agocha en soster estes tristes espectáculos, que forza ou que poder hai detrás manexando os fíos que moven a eses monicreques, que promoven tanta vulgaridade e que a pagan a mans cheas.
Naturalmente, o que hai detrás, porque non pode ser doutra maneira, é unha empresa, un poderío económico (bancos e multinacionais, maiormente) que fai posible crear e manter outra entidade empresarial de aparencia autónoma, que beneficia aos que a promoven e sosteñen, sabedores de que tamén aí están os seus intereses.
Un pregúntase a que vén toda esa estridencia, tan coidadosamente protexida, ese falar alporizado e eses berros que non procuran a información senón máis ben a confusión, e menos aínda a formación -nin a pluralidade, nin a comprensión, nin moito menos a capacidade crítica, senón todo o contrario.
A cousa é clara: interésalle a certos poderes porque saben que máis do 70 por 100 da sociedade se informa pola televisión, e os telespectadores, desa maneira, pensan que están informados cando tan só foron distraídos. Unha distracción perversa que converte as nosas sociedades en fatos de monicreques manexados por poderes, na sombra ou non, que actúan e que dominan, que inflúen e impoñen a realidade, a súa, que case nunca é a nosa.