Adeus

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

01 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Sinto angustia ao despedirme. A maior parte das veces son incapaz de agochar os sentimentos, e acaban por vérseme, claros. Agárrome á persoa forte, coma se dese xeito puidera evitar a separación. Tan só consigo prolongar a angustia.

De todas as despedidas, a máis difícil é a de facelo daquel que sabes que xa se foi. De quen non te recoñece, aínda que permaneza respirando ao carón. Non sabes se cando te miran os seus ollos poden recoñecerte ou simplemente están a traspasarte buscando a tranquilidade nun horizonte afastado. Cando lle apertas a man, e responde do mesmo xeito, descoñeces se se comunica contigo ou simplemente é un acto reflexo, un impulso nervioso á forza que fixeches.

Así se foi Adolfo Suárez, contaxiándonos a agonía de non saber se xa marchou ou aínda permanecía entre nós, mirando a cada pouco nos noticiarios as últimas novas sobre o seu delicado estado de saúde. Pero o presidente había tempo que marchara, e moito máis que decidira retirarse.

De pequena, téñolle preguntado moitas veces a meu pai por que dimitiu, e nunca quedei convencida coas súas razóns. Quizais porque me parecía inxusta esa saída precipitada, despois de tanto esforzo. Por iso sinto moito que a enfermidade non lle deixara lembrar todos os logros que dirixiu. Para compensar fíxolle esquecer moitos outros desgustos. Foi o presidente que fixo historia, e que permanecerá por sempre no recordo, a pesar de non poder lembrala nin querer escribir as súas memorias. Respectémolo así, que descanse en paz.