Pasa o que ten que pasar

OPINIÓN

21 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A o día de hoxe, Ucraína é un bo exemplo das consecuencias da existencia duns políticos que nin representan a Europa, nin teñen nada de europeos, nin entenderon, nin entenden, nin entenderán, a finalidade da UE, nin ningunha outra cousa que manter unha visión decimonónica do mundo, dun nacionalismo reseso e alleo aos intereses da Unión, e que a poden converter nunha real desunión.

A unidade de Europa, dicían os europeístas dos anos cincuenta e seguintes, é unha necesidade da historia, a única maneira de responder á quebra da nación, e do Estado nacional, convertidos nunha lembranza do pasado pola súa incapacidade para se enfrontaren coa crecente interdependencia do mundo moderno.

Unha unidade económica non é a finalidade absoluta dos ideais que alentan a unidade europea: sen unha unidade de acción política non se pode falar con propiedade de UE. Acción que se volve máis urxente en canto, como xa vén ocorrendo, os EE.?UU. centran as súas prioridades nas áreas dos países emerxentes, maiormente no Pacífico.

Por iso, diante dos problemas xurdidos en Ucraína só sabemos dar a idea de absoluto desconcerto e de andar ás atoutiñadas, para poñer de manifesto o que é evidente: que diante dun imperialista fracasado, pero con poder e disposto a usalo, só se nos ocorren palabras ocas e accións de nenos pequenos enrabechados.

Os políticos que temos non teñen ideais, e se teñen algún, nada que ver coa unidade de Europa. Son funcionarios que só pensan en manterse no poder, porque é o que tamén procuran os partidos aos que serven. E serven ao nacionalismo máis retrógrado e inútil. Mal porvir nos agarda. Porque a irrelevancia de Europa non é outra que a da crise do seu nacionalismo, cada día máis anacrónico pero aínda non superado.