Algúns consumen máis

Marina Mayoral< / span> PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

02 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Oio falar aos membros do Goberno da situación económica e diríase que estamos saíndo da crise, aínda que eu non noto esa melloría, pero xa se sabe que a cultura é o que máis axiña se deteriora e o que máis tarda en recuperarse; así que penso que quizá sexa certo que imos mellorando. E escoito á oposición e aos sindicatos e cáeme a alma aos pés: pérdense postos de traballo, seguen a pechar empresas e comercios, o paro non mellora, Cáritas está desbordada...

Pero si parece que aumenta o consumo interno. As terrazas dos bares volven a estar cheas de xente tomando o aperitivo. As mulleres fan cola nos probadores das tendas de roupa tipo Zara ou H&M; no mercado, a xente merca peixe ou marisco e non só polo ou cocho. Os museos de pago volven a ter visitantes. Os restaurantes baratos están cheos; na peluquería hai que pedir hora; nas vacacións as praias enchéronse de turistas nacionais. As axencias de viaxes recuperan clientes...

Aparte dos chamados «ricos», houbo xente que deixou de consumir por medo, pero que non se viu seriamente afectada pola crise; por exemplo, parellas nas que os dous son funcionarios, ou mulleres de máis de 65 anos que cobran a súa pensión e a de viudedade, sen fillos ou con fillos ben situados. Agora volven consumir porque perderon o medo. Non son moitos, pero nótase. Ogallá volvan tamén axiña a mercar novelas.