D entro duns días estará en Galicia o médico alemán Harald zur Hausen, que foi galardoado co Premio Nobel de Medicina no 2008 por descubrir que o virus do papiloma humano é causante do cancro de colo de útero, o segundo máis frecuente en mulleres, con 400.000 novos casos ao ano no mundo. O descubrimento de Zur Hausen foi toda unha revolución: cando empezou a darlle voltas á súa idea (a mediados dos anos setenta), case ninguén cría que unha infección vírica puidese causar un cancro. Pero é que ademais o seu descubrimento afecta a algo tan íntimo como as relacións sexuais, xa que é por esa vía por onde se transmite preferentemente (Zur Hausen compartiu o Nobel cos descubridores do virus da sida). Grazas ao seu traballo foi posible sacar unha vacina no 2006 (a primeira vacina contra un cancro), que xa está incluída no calendario de vacinacións en España e que se debe aplicar a rapazas antes de que empecen a manter relacións sexuais. Zur Hausen foi presidente do centro de investigación sobre o cancro de Alemaña e presidente da principal organización europea na loita contra esta enfermidade.