Infórmanos o profesor Vicenç Navarro (www.vnavarro.org) dun feito moi importante, agachado nos medios deste país, incluídos os financeiros, como a pública rectificación de Larry Summers, ministro de Economía e Finanzas no Goberno de Clinton e principal conselleiro económico de Obama, nunha conferencia da xuntanza anual do FMI, sostendo que foi aquela unha política errada e que levaban razón os que a criticaron.
¿Por que as economías dos EE.?UU. e dos países ricos levan xa tempo estancadas, funcionando moi por embaixo do seu potencial aínda habendo crecemento da produtividade? Débese ao baixón da demanda e á diminución dos salarios, de maneira que a riqueza creada polo aumento da produtividade foi parar ao 1 % máis rico e non ao mundo do traballo. A concentración da riqueza, a costa do empobrecemento da clase traballadora, orixinou a caída da demanda e o endebedamento das familias.
O interesante deste discurso, di Vicenç Navarro, é que procede dun dos economistas que seguiu máis de preto as políticas neoliberais, responsables do enorme crecemento das desigualdades e da desregulación do capital financeiro que facilitou a especulación financeira.
As reaccións foron inmediatas: Summers era alcumado polo mundo financeiro de traidor e de blasfemo e gabado por Krugman e os que veñen sostendo hai xa tempo, como o mesmo V. Navarro, que había alternativas ás medidas que tanto mal causaron e causan ás sociedades de hoxe. Ningún ministro de Economía español, de calquera Goberno, tería o valor de facer unha rectificación así, di Navarro. E engade que Summers se quedou curto, pois faltoulle dicir que esas políticas foron deseñadas xusto para o que están conseguindo: unha enorme concentración da riqueza a costa da crecente pobreza do traballador.