Empatía escocesa

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

21 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1746, apenas catro décadas despois de que se asinase a Acta de Unión de Escocia e Inglaterra, un despistado pero brillante estudante, orixinario dunha pequena vila escocesa, decide abandonar a Universidade de Oxford, pese a que aínda dispuña dunha bolsa de estudos, e retornar a Escocia. Daquelas, os profesores de Oxford nin se molestaban en disimular que non impartían as clases (ningunha clase), e os estudantes aplicados dedicaban o seu tempo a prepararse por si mesmos na biblioteca, incluso sorteando os controis dos oficiais da universidade que, como lle ocorrera a aquel estudante, os castigaban e lles confiscaban o Tratado da natureza humana de Hume, porque non consideraban apropiada a súa lectura. En troques, as universidades escocesas de Glasgow, Edimburgo ou Aberdeen acubillaban, dun xeito ou outro, a algúns dos representantes da fascinante Ilustración escocesa: o primeiro mestre de filosofía moral daquel rapaz, Francis Hutcheson, nas aulas; ou ao propio David Hume, na biblioteca da Universidade de Glasgow.

Un entorno intelectual no que se enfatiza a importancia do coñecemento; se ve con optimismo a capacidade humana de desenvolver unha sociedade mellor baseada na razón, e non na autoridade; e se desenvolve un pensamento humanista e empiricista, orientado á virtude e á procura do beneficio individual e social. Co tempo, aquel mozo sería un dos máis destacados representantes da Ilustración escocesa: o seu nome acadou sona cando publicou en 1759 a Teoría dos sentimentos morais, na que defende que xunto co egoísmo, ou a procura do interese propio, os seres humanos actúan tamén movidos pola empatía, ese sentimento que nos leva a identificarnos racional e afectivamente co estado de ánimo dos outros e os intereses alleos. Un dos alicerces cos que construiría a obra que lle daría sona mundial e intemporal, A riqueza das nacións, publicada dezasete anos despois.

Porque como ten afirmado outro Smith, neste caso estadounidense e de nome Vernon, que recibiu o Nobel de Economía no 2002 xunto co psicólogo Daniel Kahneman polas súas contribucións á economía experimental, egoísmo e empatía non son contraditorios: subsúmense nun único axioma que establece que os seres humanos temos unha propensión ao intercambio, sexa para satisfacer intereses egoístas ou altruístas, e a constatación de que o intercambio cooperativo xera ganancias para todos os que nel participan. Algo que o Smith escocés tiña ben presente. Non o Adam Smith das caricaturas: o Adam Smith que na Riqueza demanda explicitamente o financiamento público da educación; o Adam Smith que denuncia que «raras veces se reúnen persoas que pertencen á mesma rama industrial sen que as súas conversas desemboquen nunha confabulación contra o público»; ou o Adam Smith que clama, a finais do XVIII, pola abolición da escravitude. O escocés que tanto contribuíu ao avance da Inglaterra da súa época, e a entender e mudar o mundo no que vivimos.

Os escoceses veñen de votar non á independencia do seu país. Probablemente nas vindeiras semanas leremos numerosos estudos que analizarán cales foron os motivos que levaron á maioría a votar en contra da independencia. Veremos análises das campañas, e volveremos a escoitar que para moitos escoceses prevaleceu o interese material de deixar as cousas como están dadas as incertezas económicas e materiais que o novo escenario provocaba no nivel de vida de cada un dos habitantes de Escocia. Pero desde a distancia un ten a impresión de que gañou a opción máis empática de entre as dúas que se presentaban: a que foi capaz de poñerse na pel daqueles outros conveciños que non querían ter que rachar con parte da súa identidade ou cruzar fronteiras para visitar familia e amigos; e á vez capaz de recoñecer, nos outros, un feito diferencial e unha lexítima arela de autogoberno incrementado. Un trunfo, en definitiva, da campaña de quen souberon que os homes e as mulleres tamén actúan de acordo cun dos achádegos máis influíntes da Ilustración escocesa ás ciencias sociais: a empatía.

Pedro Puy é portavoz do PP no Parlamento de Galicia