Xoguetes para todos

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

29 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun día de chuvia como poucos que eu lembre, vinme obrigado na cidade de Porto a procurar o agarimo dun local, o primeiro que aparecera, e rematei nun non lonxe do aeroporto Sá Carneiro. Moitos outros había que ao chou tamén procuraban o achego dun espazo cuberto, fuxindo daquel dioivo... ao menos local. Chamoume a atención un grupo de xentes que ocupaban uns butacóns preto do meu: seguro que comprendía varias xeracións, ao menos de avós a netos. Pero non foi iso o que espertou a miña curiosidade, senón máis ben o ambiente de festa, de verdadeira troula e case de esmorga que alí se respiraba: os avós sorrían e botaban ledas gargalladas, os pais víase que eran todo felicidade e os netos daban pulos, escachaban a rir e víaselles alleos ao mundo de arredor.

As tres xeracións xogaban cos seus móbiles, xoguetes que divertían por igual a netos, pais e avós. Penso que nunca presenciei unha unanimidade semellante nin unha festa tan ben conxuntada. Pero non entendía moi ben de onde viña tanta sincronía interxeracional.

E din unha volta discreta arredor daquel grupo tan rebuldeiro tratando de facerme unha idea daquela súa felicidade. A cousa era moi simple: unhas veces chamábanse uns aos outros, cousa que parecía divertirlles moito, e outras facíanse fotos que se enviaban entre eles, o que lles facía rir a gargalladas. Mesmo quedei abraiado da facilidade que algúns teñen para chegar a tanta felicidade. E aínda máis da facilidade con que o ser humano pode ser dominado, posuído, por un trebello calquera, por unha idea absurda, por unha oferta de preferentes, polo voto a quen mellor rabene os nosos dereitos. E tamén si das escasas defensas con que conta para liberarse de tanta andrómena. ¿Animais racionais? Calquera o diría.