Democracia á baixa

OPINIÓN

06 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Os feitos confirman día a día que teñen moita razón os que pensan que a democracia que temos, por diversas causas, é moi deficitaria. Non é un país democrático aquel que impide exercer o dereito de voto, o máis elemental dunha democracia. Un cidadán de calquera Estado dos Estados Unidos, ou da Gran Bretaña, non o entendería.

Menos democrática aínda é a teima, non só do Goberno senón tamén dos que pretenden gobernar, de facer valer por riba de calquera contido democrático unha norma que naceu vixiada polas forzas herdeiras do franquismo, e que, cando lles convén, é abertamente conculcada, o que di moi pouco a prol da súa lexitimidade. Pois calquera norma que negue un dereito democrático, sexa cal for, nunca poderá ter lexitimidade.

Menos democrático e menos racional é aínda procurar que sexan os tribunais os que arbitren o que os políticos non saben ou non queren resolver, porque iso, sinxelamente, é colocalos en situación subalterna, utilizalos como mediadores e non como xulgadores e contribuír sen máis ao seu desprestixio.

Nin democrática, nin racional, nin efectiva será unha pretendida uniformidade vendida como unidade, sempre con medo á diversidade e dispostos a negala, talmente como fan os totalitarismos. Un político demócrata procedería á inversa: procuraría o respecto á diversidade e o amor ás minorías. E, civilizadamente, empezaría por sentarse a falar.

A política do «portazo», que tanto engaiola a moitos, non só ao Goberno, significa, non soamente manifesta ausencia de verdadeiros políticos, que tamén, senón a moi escasa convicción democrática dos nosos dirixentes. O «portazo» é sempre o máis fácil, pero deixa todo por facer e non queda outro camiño que empezar de novo, pero en peor.

Nada máis retrógrado. Nin menos político.