A que nos vén enriba

X. L. Franco Grande< / span> SOLEIRA

OPINIÓN

17 nov 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Pensan moitos analistas que son indicadores da grave situación española o crecemento das desigualdades -os segundos da Unión Europea-, que os ricos sexan máis ricos e os pobres máis pobres, que o 1 % posúa o 20 % da riqueza do país; que a débeda pública, que en 2011 era o 71 % do PIB, era xa do 98 % en setembro de 2013 (pasamos de 743.000 millóns a 1.005.000 millóns) e unha reforma laboral que logrou que, habendo 15.151.000 asalariados en 2011, queden dous anos despois 14.093.000, á par que naquela data tiñan convenio colectivo o 70 % e agora só un 49,5 %.

Con ser moi importantes eses indicadores, nós pensamos que poden ser de moita máis transcendencia para o futuro do país as actitudes políticas que o Goberno proxecta, consistentes en imposición por sistema da maioría absoluta, falta de diálogo, deixar de esguello o Parlamento, incapacidade para o pacto e conseguinte autoritarismo, falta de flexibilidade para encarar problemas como a organización territorial do Estado, falta de proxecto diante das iniciativas soberanistas e algunhas máis.

Poden corrixirse as desviacións do parágrafo primeiro, pero as do segundo esixen o que se chama cintura política, cousa que non se ve por ningures. Non falemos xa de finezza, que niso nin se pensa, senón de actitudes abertas, dispostas a comprender e facerse cargo dos problemas con espírito democrático.

Este é para min o gran problema: non pode haber unha política de longo alcance, como a que este país necesita, se non hai unha pedagoxía que propicie o Goberno. O actual no o fai. E as consecuencias son que se está causando grave deterioro da convivencia, da concordia, da paz social. Este camiño non só non vai a ningures, senón que nos leva dereitos ao abismo.