Xustiza pétrea

Luís Villares Naveira TRIBUNA

OPINIÓN

23 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A (re)presentación da alegoría (diría virtude, pero é cuestión de gustos) da Xustiza como unha estatua de pedra que cos ollos vendados terma dunha balanza e unha espada ten moito de real. Hai uns anos o Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) fixaron uns módulos da carga de traballo máxima. A día de hoxe, o 43 % dos xulgados acada o 150 % dese tope: isto determina o seu colapso estrutural. Non se dá feito máis: entran máis asuntos dos que se poden resolver (taxa de conxestión, que en Galicia é de 1,36). A situación non é nova pero no canto de acometer a ansiada reforma da oficina xudicial que permitise crear prazas de xuíz sen vincular a novas unidades administrativas como sucede arestora (máis custoso) e así de forma máis económica aproximar o número de xuíces á media europea, a torpe decisión do ministerio foi a de elevar os (xa inxentes) gastos do litixio mediante a lei de taxas, co obxectivo que a xente non preitease (por certo, en contra do tópico, os galegos litigamos menos que a media española).

Isto causou un descenso do 20 % no volume de entrada en asuntos civís e contenciosos, creando un problema conectado co dereito fundamental á tutela xudicial efectiva, que é o enquistamento do conflito social (o non resolto) e os ámbitos de impunidade da Administración (que non vai ter quen a controle nalgunhas decisións). No outro extremo, a desprotección dos traballadores coas reformas laborais disparou as demandas, saturando os xulgados do social (cada xulgado galego puxo o ano pasado arredor de 650 sentenzas).

Con todo, a maior presión perceptible socialmente sobre o funcionamento da Xustiza é a derivada da loita contra os delitos de corrupción económica, xustificada porque nun momento de especial carestía os comportamentos que no ámbito do poder público implican o roubo de diñeiro de todos merece un maior reproche cidadán. E aí sobre a saturación de traballo persoal superponse a falta de medios materiais, que impiden facer un traballo eficaz. Os xulgados de instrución precisan inmediatamente duns apoios dos que carecen na investigación: unidades orgánicas policiais que dependan directamente do xuíz instrutor; plena autonomía respecto da Administración e inmediatez na designación de peritos, sobre todo cando se investiga a corrupción do poder público; incremento das unidades de apoio xudicial da Axencia Tributaria (actualmente 4 persoas son as que investigan a fraude económica na comunidade); creación dunha unidade de Anticorrupción na Fiscalía de Galicia; ou unidades especializadas en delitos cometidos por medios informáticos, entre outros.

A nivel lexislativo é inaprazable unha reforma administrativa da contratación pública e o urbanismo que aseguren a transparencia na súa execución; a tipificación penal do financiamento ilegal dos partidos políticos e un novo proceso penal áxil para combater a criminalidade actual, nomeadamente en delincuencia organizada e corrupción.

Fartos da situación, Xuíces para a Democracia presentou a semana pasada unha demanda na Audiencia Nacional onde reclamamos o cumprimento da lexislación en seguridade e riscos laborais, para acadar un plan de saúde laboral que contemple as condicións axeitadas de traballo a nivel persoal e material, e obrigue aos poderes públicos a poñer os medios para cumprir a nosa función constitucional. En democracia a Xustiza ten que ser humana, percibir con todos os sentidos, e actuar. Non a queremos cega nin inmóbil. Non a queremos de pedra.

*Luís Villares Naveira es Coordinador adxunto de Xuíces para a Democracia en Galicia