Seguimos sen maneiras

OPINIÓN

08 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A crítica, se é merecente dese nome, é sempre iluminadora. Pero nunca o é insultar ou aldraxar, o que acostuma ser moi sospeitoso de carencia de ideas ou de razóns. O noso panorama político encádrase moi ben nestas sospeitas ou máis ben seguridades. O malo é que certa prensa empeza a estar tamén comprendida nelas.

A necesaria e útil crítica a Podemos hai xa tempo que derivou para o insulto, a aldraxe e as descualificacións. Ao cabo, cara a maneiras incivís de comportamento. O que, por outra banda, está xustificando que se espalle esta opción, ao mellor moito máis do que tería ocorrido de non ter contado con semellantes estímulos.

¿Ten algunha xustificación que un xornal inclúa tres artigos de opinión, non só coincidentes en atacar a Podemos, senón contendo insultos tan graves e desavidos como dicir que os redactores do chamado programa económico -nin sequera saben a que se refiren- non sabían que o Banco Central Europeo pode prestar diñeiro ao Instituto de Crédito Oficial? A verdade é que outros dixeron antes que Velázquez non sabía pintar...

¿Lembra alguén se algún programa de goberno mereceu as descualificacións que se veñen atribuíndo ao esquema de intencións de Podemos, moitas veces sen ter lido nin a primeira páxina do mesmo, por xentes ignaras nesas materias? ¿É así como se pode facer crítica do que concibiron ou idearon dous ilustres profesores de economía e políticas sociais?

Claro que hai medo detrás de toda esta zarapallada mediática por parte dos que temen polos seus privilexios. Pero ese medo, que tampouco parece moi xustificado, non autoriza o insulto, a aldraxe ou as descualificacións. Algunha prensa parécese por demais aos nosos políticos. Uns e outros son bos caladoiros de votos para a opción que tanto lles cabrea. Moito van ter que aprender.