Todo o que ganamos, e o que perdemos. Somos alfa, omega e pi (tres catorce dezaseis), esa cifra insólita e permanente. Dor e risa, espera e desespero. Somos este decembro de luces e bos desexos que abre a porta da ilusión, para uns; e da soidade melancolía nostalxia, para outros. Somos libros lidos, quizá porque como escribiu Mark Twain: o home que non le non ten máis mérito que o home que non sabe ler. Somos seres diminutos que transitamos a alfombra infinita do universo. Outonía e inverno que agarda cos seus brazos brancos (pero tamén agarda a primavera). Somos os que morren de amor, e os que por amor salvan. Querer e non poder. Vivir e ser vividos. Somos o que soñamos, pero tamén o soño dun home ou dunha muller que pensan en nós, que nos imaxinan, que escriben a nosa vida nun caderno que non ten renglóns nin regras nin letras: destino. Somos os que esquecen, e tamén os que se atan a un recordo para pervivir, resistir, permanecer. Somos os ollos que nos miran, os amigos, as luces e as sombras, as películas amables que se programarán nas próximas semanas: Qué bello es vivir. O entusiasmo e a emoción. Somos, tamén, menos listos e sabios do que pensamos. Humildade, ás veces, e soberbia tantas outras. Somos The Best (escribiu Martiña con rotulador azul nun folio branco da miña mesa) e o peor: abonda estar ao tanto das malas noticias protagonizadas por seres humanos (¿humanos?). Somos todo o que levamos esculpido, cicatrices e caricias, na nosa pel. E frío, e calor, e consolo e desconsolados. Somos unha despedida e un volver, un quérote, un adeus. Non podo vivir sen ti ou contigo, só contigo. Momentos. Un momento. Porque todo pasa. O que pasa, finalmente, iso somos.