Adeus, crise

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin se vai a crise. Déixaa ir. Non a imos botar de menos.

E desta vez, vaise de verdade. Xa dixo o presidente do Goberno que en moitos aspectos era cousa do pasado (mágoa que ningún deses aspectos me afecte a min, que non me dou sacudido a crise de enriba). Pero non só iso. O que verdadeiramente me fai crer que vivimos na era da recuperación é que o gobernador do Banco de España volveu restablecer o seu soldo, despois daquela baixada do 5 % que fixera no 2010.

É unha moi boa nova. Máis ca nada porque precisamente a entidade recomenda a austeridade nas nóminas para todos os demais mortais, sen restricións. Incluso para aqueles que xa sufriron recortes non só do 5 %, senón dunha porcentaxe que doadamente chega ao 25. Non é nin de lonxe o primeiro caso que coñezo.

Total, el só cobra unha miguiña por riba do salario mínimo interprofesional. Non chega aos 175.000 euros. Ándalle a cousa moi preto, pero non redondea a cifra.

Vai ser o Nadal da fartura. Seica imos tirar a casa pola ventá, porque o país vai a toda velocidade en recuperación. E todo isto sen eu decatarme... Ando na horta. O país desbordando felicidade, calma, boa saúde, excesos, máis de catro millóns e medio de parados, ladróns de luva branca saíndo polos recunchos, xustiza indulxente cos corruptos, violencia transixida, mulleres mortas... Cáritas e ONGs con máis demandas ca nunca, pobres que nunca o foron ata agora, familias sen teito e con fame... e os 175.000 euros do soldo de Luis María Linde.

Porque a crise xa pasou.