«Ante todo mucha calma»

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

28 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

«¿Quiénes somos? De dónde venimos? A dónde vamos? Estamos solos en la galaxia, o acompañados?». Cando o 2014 está a piques de marchar pola popa, semella que máis de tres décadas despois da aprobación da vixente Constitución volvemos a preguntarnos, como se nada houbera ocorrido desde 1978 en España, en Europa e no resto do mundo, a esencia do noso ser constitucional: ¿Abrimos un novo período constituinte? ¿Reformamos a Constitución? ¿Deixámola estar como está?

Historicamente a situación non é nova, por máis que parecera superada a longa fase do noso vivir xuntos na que a Constitución era obxecto de disputa partidaria, o que levaba a que as sucesivas maiorías de goberno impuxesen ao perdedor de quenda, alternativamente e en períodos de tempo relativamente curtos, un modelo institucional e social distinto cada vez que as urnas lle deban tal posibilidade, por moi minoritaria que fose a maioría; o que fixo que España ostente a dubidosa honra de ser, despois de Francia, o país europeo que aprobou máis constitucións desde a súa primeira de 1812; pero ademais, tamén, xunto con Portugal e a excepción dos países do outro lado do telón de aceiro, a que máis tempo padecese unha ditadura.

Porque para achegar a estabilidade política necesaria para o crecemento económico e garantir o benestar, as constitucións democráticas, por definición, requiren continuidade na súa efectividade ao longo do tempo. Para que sexan duradeiras precisan ser aprobadas cun alto grao de consenso entre quen representa as principais correntes políticas e ideolóxicas existentes na sociedade. E para acadar un consenso duradeiro é necesario que eses representantes comprendan que a política, sobre todo a de índole constitucional, é fundamentalmente pacto e compromiso. O que implica renuncias mutuas e mantemento dos compromisos ao longo do tempo, mesmo cando do que se trata é de modificar total ou parcialmente o marco constitucional xurdido do pacto nun momento histórico dado.

O 2014 non deixa un bo rexistro ao respecto. Dúas das correntes que asumiran orixinariamente como propio o pacto constitucional de 1978 propoñen, abertamente, a súa ruptura. Por unha banda, o nacionalismo catalán, coa súa transformación desde o autonomismo reivindicativo ao independentismo incondicional. Pola outra, a esquerda orixinariamente comunista, mutada en rupturista, que proclama a súa vontade expresa de «conquistar o ceo» sen consensos convocando a toda «a xente» a unha ilusoria asemblea constituínte. E a socialdemocracia, unha das dúas correntes ideolóxicas predominantes en España nas últimas décadas, sen a que non é posible comprender a aprobación e evolución do noso marco constitucional, fai propia a demanda dunha reforma constitucional (lexítima, e mesmo nalgúns aspectos razoable); pero ao mesmo tempo renega da última reforma pactada, a do artigo 135, apenas tres anos despois de ser impulsada por un goberno socialista, e mesmo contra a opinión cualificada dos socialdemócratas que a negociaron e continúan a defender a súa utilidade.

O 2014 deixounos vellas preguntas no aire: «¿Quiénes somos? ¿De dónde venimos? ¿A dónde vamos?». Preguntas como as que lanzaron ao vento os vigueses de Siniestro Total hai xa tempo. Grupo musical que cumpriu onte, 27 de decembro, 33 anos. Levan con nós máis de tres décadas de éxitos, case tantos como a Constitución de 1978. Seis lustros de traballo musical recompensado polo éxito de letras inspiradas na lectura da prensa rosa (tal resposta deran nunha entrevista sobre as súas fontes para compoñer) que chegaron a ser verdadeiros himnos xeracionais. Como a de «¿Quiénes somos? ¿De dónde venimos? ¿A dónde vamos?», que se pode escoitar no primeiro disco que os de Siniestro gravaron en directo: Ante todo mucha calma (1991). Non é mal consello para iniciar o 2015: tanto para os que pensan que o universo é cóncavo, como para os que cren que máis ben é convexo.

*Pedro Puy es portavoz do PP no Parlamento de Galicia