Entroido adiantado

OPINIÓN

05 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os actos de fin de ano con que nos obsequiou a televisión, en xeral e como de costume, estiveron presididos pola vulgaridade, a vacuidade e bocaladas a eito. Dá pena ver como se ofende a intelixencia das xentes en vez de axudar a cultivala ou a distraela civilizadamente, algo que só en moi contadas ocasións se logrou, entre o que puiden ver.

Predominou o mal gusto das ocorrencias que se proferiron coidando que tiñan graza; á vista estiveron as actitudes dos presentadores barallocas (algún incluso vestía unha capa semellante á do conde Drácula de certas películas non menos churrusqueiras); algunhas presentadoras daban berros, como pouco afeitas aos micrófonos que tiñan na man, sen esquecer o pretendido humor carpetovetónico, recurso que tanto se adoita nestas ocasións, e que pon a un de mal humor, xa polo seu erotismo vulgar, xa pola actitude de chulesca suficiencia dos intervenientes, nada máis lonxe do verdadeiro humor. É preocupante a vulgaridade destes espectáculos, pero aínda máis que esa vulgaridade chegue a ser ben recibida e aceptada pola sociedade, que penetre nela e que dalgunha maneira remate aceptándoa como se xa non outra cousa fose posible, como ás veces se acepta a miseria, a humillación e a marxinación.

Non é pouca a frustración que un sinte se pensa que coa mesma eficacia con que se embrutece á xente, e con gastos semellantes, se podía educala, formala, civilizala e distraela, se esa fose a vontade dos dirixentes, e non me refiro só a políticos e gobernantes, senón a todos os que teñen responsabilidades co ben común.

Despois de tanta vulgaridade, a Orquestra Filharmónica de Viena, por máis que o seu programa xa canse de sabido, puxo notas civilizadas no comezo do o ano.

Unha verdadeira liberación.