Saír da crise

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto O MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

De saír da crise, do que nos fala o Goberno, forma parte dos seus meritorios desexos para un ano electoral pero, de ser certo, non é o mesmo nuns sitios que noutros nin para unhas persoas ou outras. Así, para o Concello de Santiago a xestión desa saída vai pola vía de favorecer operacións urbanísticas singulares que lembran a malfadada época dos pelotazos. Que pode pensarse senón da reconversión dunha parcela preto do Obradoiro, a única que queda na zona, asignada no seu día a apartamentos para xente moza que dinamizase o casco histórico (a construción paralizouse pola crise), nun edificio de vivendas de luxo. En Barreiros, os cantos da saída da crise xa encheron os prados da beiramar de novos cartaces vendendo parcelas edificables, nun concello inzado de esqueletos de edificios a medio construír, paralizados polo estalido da burbulla e cheo de apartamentos sen vender en urbanizacións que ficaron sen compradores dende hai cinco anos.

Non se trata só de saír da crise e de cando senón de como sairemos. Os impulsos dos gobernantes van por un camiño ben coñecido, o mesmo que nos trouxo ate aquí: reactivar a construción de vivendas significa activar a especulación -ou a súa ilusión- aínda que só sexa temporalmente. As inauguracións de autoestradas, o anuncio doutras e a finalización do AVE buscan xerar a suxestión dunha saída que significa no fondo e na forma reiniciar o camiño que conduciu á crise. Construción a esgalla, créditos bancarios e compradores compulsivos da segunda ou a terceira vivenda. A idea de que estamos saíndo procura anovar o estado de ánimo dunha sociedade deprimida pero a saída da crise require anovar a economía, o poder adquisitivo de quen o viu minguado, o traballo dos milleiros que o perderon e as prestacións dos parados sen ingresos. O primeiro é o máis doado, pero tamén o máis pasaxeiro.

Nos últimos tempos de Zapatero falouse da necesidade doutro modelo económico, tecnolóxico e enerxético. A esquerda e mesmo a dereita facían votos por evitar os erros, insistíase en aproveitar a economía do coñecemento, a innovación, novas liñas produtivas, o emprendemento e o capital humano. A prolongación da crise o os seus efectos escureceron esas propostas ate facelas desaparecer. Hoxe a dereita xera a ilusión de retomar o camiño interrompido onde quedou e a esquerda confórmase -por aí vai Podemos- con atender as necesidades dos máis desfavorecidos pola crise, dos depauperados, dos empobrecidos que perderon fogar, traballo ou poder adquisitivo. O mesmo que pode dar a Syriza o triunfo electoral en Grecia, que foi onde a crise e as súas solucións de axuste e depreciación afundiron o corpo social ate o furado máis profundo dende hai medio século. Vai sendo hora de pensar non en saír da crise senón en como saímos da crise, para que e con que.