A estrea da película sobre a vida de Stephen Hawking coa súa primeira muller está a poñer de moda, aínda máis se cabe, a súa figura. Non pode mover o seu corpo, nin falar; só comunicarse a través dun ordenador, a unha velocidade de dúas palabras por minuto. Un cárcere de carne para un cerebro de xenio. Iso multiplica a súa popularidade, ata o punto de eclipsar a súa calidade científica. Comprobeino sobre todo durante a semana que pasou en Galicia no ano 2008, na que tiven que lembrar que o feito de ocupar a famosa Cátedra Lucasiana de Cambridge (na que estivera no seu día Isaac Newton) xa indica que é un físico excepcional. Por que o é? En 1970, no marco da teoría xeral da relatividade de Einstein, demostrou que, se vivimos nun espazo-tempo que se está inflando (coma o noso), entón o universo tivo que nacer dun Big Bang e, ademais, ese parto tivo lugar hai unha cantidade de tempo finita, que se pode calcular (hoxe sabemos que foi hai 13.800 millóns de anos). Tamén reflexionou sobre buratos negros: zonas do universo onde a atracción gravitatoria é tan grande que nin sequera escapa a luz. Deduciu que eses buratos negros, malia tragáreno todo, emiten enerxía para fóra e, de feito, acaban evaporándose; todo un paradoxo.
Supoño que intúen que, para estes razoamentos, é de moita axuda poder escribir as contas nun papel. El non puido facelo, tivo que traballar de cabeza, o cal aumenta o seu mérito.