Sinceramente, impórtame un pito se Tania Sánchez e Pablo Iglesias se aman. É que non me interesa nin sequera pola curiosidade morbosa que alimenta a miña vocación literaria. Sei do que falo: aquí onde me teñen, leo o ¡Hola! desde que teño uso de razón, e créanme que na miña vida vin tal frivolidade. ¿E logo nunha noite electoral na que Podemos se xogaba tanto, Pablo Iglesias non tiña nada mellor que pór no Facebook? Case prefería que falase de fútbol, que polo menos era actualidade. O certo é que o detalle parece máis de lectores da Superpop ca de persoas que aspiran a gobernar, e por iso non deixo de pensar que quizais detrás de tamaña estupidez hai gato pechado. Ou non. Se cadra a forma de facer política de Tania e Pablo non dista tanto do que se coce na casa de Gran Hermano Vip, e, fillos deste país superficial no que a política está ferida de morte pola mediocridade, realmente cren que ten algo que ver nas nosas existencias a súa vida privada.
Fíxense o que son as rimas da Historia, que hai uns anos criticabámoslles nada menos que a Aznar e Botella a tendencia a converter a súa vida familiar en cuestión de Estado. Hoxe, coma daquela, boto en falta o sentido do que é unha democracia representativa que demostrou Carmen Romero ou mesmo José María Moriche (é o home de Susana Díaz, seino polo ¡Hola!), ou, fóra do noso contexto, Joachim Sauer. Ninguén vota os cónxuxes, así que pintan pouco. Pero na declaración de desamor en Facebook de Tania e Pablo (síntoo, non me sae chamalos polo apelido ao falar destas cousiñas) vese que anda a esquerda roldando o machismo estrutural e a parvada sentimentaloide que o asolaga todo, e non só o ¡Hola!