Están á vista de todos. Nas olladas máis distantes non as percibimos, e incluso parécennos ben, pero a medida que nos aproximamos aos ensanches dos anos 70, ás periferias urbanas con rúas e medianeiras imposibles e coas abas dos montes cubertas de edificacións dispares, ás vilas -cantas poderían optar a un premio como o do «pueblo ejemplar» da Fundación Príncipe de Asturias?-, aos bordes marítimos alicatados,... xorde a frustración. Outras están ocultas na topografía e, cando se abren rondas e variantes, descubrimos o extradorso das cidades e comprobamos que a carón das rúas clásicas e os bloques compactos están as infraestruturas, naves, edificacións diseminadas nun conxunto de planos fractais, heteroxéneos, de difícil comprensión económica, urbanística e mesmo estética.
O país resistiu porque o pano de fondo destas escenas son os montes azulados, o mar e o mundo vexetal, con toda a variedade de especies, liques e mofos que amortallan piadosamente os erros da construción do territorio, e porque na nosa condición de habitantes destas zonas acabamos afeitos a velas. A situación económica e demográfica paralizou, de momento, a proliferación do estropicio. A secuencia parece perversa: estragar primeiro para que logo a vexetación o mimetice, ou a crise o paralice. É esta a fórmula que nos convén?
O manual de procedemento podería ser sinxelo, se empezamos por decatarnos de que estas paisaxes da frustración existen e as recoñecemos fisicamente, non para facer unha sesión de inculpacións, senón para saber as causas dese deterioro ao pormenor prolongado durante tanto tempo, sen planeamento e ás veces con el. Seguramente ten que ver co menosprezo do público, con Administracións neglixentes en demasía e coa picaresca privada -lémbrese, en plena emigración suburbana dos anos 80, a fuxida cara aos municipios que non tiñan planeamento para facer chalés con licencias de galpón-, ou simplemente con que o debuxo do entramado urbano foi un pantógrafo só ao servizo do interese inmobiliario. Logo, unha vez catalogadas, en vez de horrorizarnos, que sempre resulta paralizante, sería o momento de propiciar unha arquitectura da paisaxe reparadora, capaz de equilibrar, domesticar, aportar serenidade, e sempre dedicando tempo e recursos a implicar os cidadáns nestas operacións.
Pero hai algo máis: quizais teñamos que modificar a nosa óptica. Estamos afeitos a ver a urbe desde o centro á periferia, e o planeamento como algo que vai engrosando as capas de crecemento. Fagamos tamén o percorrido inverso, da periferia ao centro, e saquemos conclusións. Se esta forma fragmentaria e rota de facer o territorio se reproduce de modo tan persistente, teriamos que empezar a incorporala como obxecto da paisaxe co propósito de reinterpretala, manexando as escalas próximas da topografía e a arquitectura. Non se trataría só de traballar coas ordenanzas edificatorias, senón tamén de imaxinar e debuxar as paisaxes resultantes se se chegara construír todo o solo planificado. Con estes datos poderíase actuar con máis criterio en cada caso.