En Sicilia, na aba oriental do Etna, hai unha árbore famosa á que os sicilianos chaman na súa lingua o castagnu dê Centu Cavaddi. É dicir, o castiñeiro dos Cen Cabalos. Pénsase que este castiñeiro é o máis vello do mundo e se lle atribúen dous mil, e mesmo catro mil anos de antigüidade, o que non é pouco mérito considerando que está ao pé dun volcán activo. O nome vénlle dunha lenda segundo a cal cen cabaleiros encontraron refuxio nel durante un trebón, monturas incluídas, e pasaron alí a noite.
Aínda que o castiñeiro ten máis de vinte metros de circunferencia no tronco, a historia parece bastante improbable. Pero todos os días morre unha lenda e nace outra porque o que si é certo é que, como contaba La Voz o xoves, resulta que cincuenta e dous rapaces dun instituto de Ribeira conseguiron meterse todos dentro oco do madeiro do famoso castiñeiro do Val da Fonte de Folgoso do Courel, na parroquia de Paderne.
Este castiñeiro é unha das árbores senlleiras de Galicia, e a imaxe do medio centenar de nenos e nenas dentro do seu ventre de oito metros de perímetro parecía unha metáfora da relación tan estreita que existe entre os galegos e esta árbore resistente e lonxeva. Igual que a propia Galicia, o arborado galego está composto en gran parte de pensionistas e os castiñeiros son os máis vellos entre os vellos, porque están feitos do material dos mobles bos, para durar.
Xa postos, fixen un pequeno repaso dos máis vellos de Galicia e saíanme máis dunha ducia: o de Pumbariños en Rozabales, que ten unha cintura espectacular de máis de doce metros e do que se di -un pouco esaxeradamente- que o plantaron os romanos; o de Chaguazoso, na Mezquita, que aos seus catrocentos anos, queimado e retorcido, parece unha escultura contemporánea; e preto de alí o da Ribeira; e o do Souto da Ramigoa, en Nogueira de Ramuín; e o da Regadiña en Trives? Sobre todo, acordeime do castiñeiro da Capela, en Baamonde, no concello de Begonte, porque o vía sempre ao ir á Coruña á casa dos meus tíos e que, como non o volvín visitar desde que fixeron a autovía, é unha das cousas que relaciono exclusivamente coa infancia.
Por certo que ese castiñeiro ten tamén unha historia no seu interior, como o dos Cen Cabalos e o do Val da Fonte. Na década de 1970, cando se ampliou a N-VI, pensouse en derribalo. Pero ao escultor Víctor Corral, que é de alí, ocorréuselle unha idea para salvalo. Meteuse no oco da árbore e permaneceu alí digamos que tres días, como Xonás no ventre da balea, esculpindo o interior coa gubia e o coitelo. Fixo unha imaxe da Virxe do Rosario, un anxiño, unha donicela? É dicir, converteu a árbore nun santuario que os enxeñeiros da época do franquismo non se atreveron a talar. A Otero Pedrayo o castiñeiro en xeral parecíalle «a máis románica das árbores» e é certo que cando é vello, a codia, escura e rugosa, vólvese dunha textura que parece a versión vexetal do granito, e que co seu porte e tamaño faino parecer unha hermida ou unha pequena igrexa parroquial. Pois ben: no caso do castiñeiro de Baamonde non fai falta imaxinalo porque é o que é realmente.
Cando lle preguntaron ao escultor por que se preocupara tanto de salvar esa árbore, a explicación que deu foi que de neno, xogando ao escondedoiro, moitas veces metíase na árbore e que isto o convertía nun compañeiro de xogos, nun amigo e nunha nai. Quen sabe se os cincuenta e dous rapaces ribeiráns que se meteron o outro día dentro do castiñeiro do Val da Fonte de Folgoso se acordarán da mesma forma da vella árbore.