En moi poucos meses, Varufakis, o ex ministro grego de Finanzas, pasou de heroe na loita contra a opresión capitalista do Eurogrupo a reo de alta traizón por non cumprir o mandato que lle encomendou o pobo grego: negociar cos acredores un acordo para saír da recesión. Polo menos, iso di unha das demandas presentadas contra el. Vénseme á cabeza a famosa letrilla de Góngora: «Aprended, flores, en mí, lo que va de ayer a hoy, que ayer maravilla fui, y hoy sombra mía aún no soy». Con ela, o poeta quixo expresar o carácter efémero da beleza e dos bens mundanos.
Varufakis coincide en moitos aspectos coa flor da marabilla que Góngora, non moi versado en xardinaría, elixiu polo nome e que presenta como algo fermoso e efémero, cando en realidade é unha planta dura e resistente, máis coñecida polo nome de caléndula, que florece continuamente e que se dá en calquera terreo.
Varufakis debe a súa popularidade e a súa gloria, máis que ás súas teorías económicas, moi controvertidas, ou aos seus dotes de negociador, que son nulos, ao seu aspecto de galán de cine, tipo Bruce Willis, e aos seus xestos teatrais. Pode ser que remate prematuramente murcho, como a marabilla gongorina, ou, pola contra, pode que aguante as inclemencias do tempo, como a caléndula, e o vexamos no futuro gozando da súa apostura e da súa fortuna, que, sen dúbida, terá ben gardada.