Paixóns e ditames

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

06 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En ambientes universitarios circula, desde hai xa tempo, o seguinte conto: un reputado profesor, tras publicar unha apaixoada e demoledora crítica sobre as futuras consecuencias da política pública que o Goberno de quenda acaba de presentar como solución definitiva a un secular problema social, recibe a chamada dun responsable do Goberno. Cando o gobernante lle reprocha o carácter exclusivamente destrutivo da súa crítica e lle demanda unha crítica máis construtiva, o profesor contéstalle: «E que a crítica, por definición, ten que ser destrutiva; se o que quere vostede é unha visión construtiva da cuestión, o que ten que facer e encargarme un ditame».

Se analizamos este conto «á maneira de Zizek», é dicir, procurando atopar na situación absurda que habitualmente describen os chistes a mesma estrutura básica que se pode observar nunha forma situacional específica, a historia anterior daría bastante xogo. Por exemplo, no sempre difícil e controvertido campo das relacións entre os intelectuais e a política. E, tamén por exemplo, para establecer a estrutura da situación que se da no chamativo conflito xerado pola posta en marcha do novo hospital público de Vigo.

Porque resulta chamativo que a construción e posta en marcha dun hospital público contase, desde o mesmo momento que se decidiu a súa construción, coa persistente crítica (obviamente destrutiva) de certos intelectuais e profesionais que se autodefinen como defensores da sanidade pública. Primeiro, polo sistema elixido para o seu financiamento, sen ter en conta que no momento no que se decide impulsar a obra non existía ningunha alternativa real de financiamento; ou o que é o mesmo: a alternativa real a ese hospital era non facelo. Segundo, polas contas utilizadas reiterada e enganosamente para falar de sobrecustos: calquera comparación do custo da infraestrutura contratada en colaboración público-privada co custo da que era irrealizable obra de construción pola Administración debería alomenos incluír, na conta desta última, os custos financeiros dos cretos que habería que ter solicitado a bancos ou outras empresas financeiras (privadas, obviamente), e que habería que ter pagado durante todo o tempo previo e posterior á posta en servizo a través do endebedamento público; os pagos ás empresas da construción civil (tamén de capital privado); máis, loxicamente, os custos da dotación e do mantemento durante vinte anos dos servizos complementarios de carácter non sanitario da infraestrutura hospitalaria (párquings, cafeterías, etcétera). Probablemente as contas xa serían outras, especialmente porque coa forma de construción elixida o hospital xa está concluído, e co mecanismo clásico aínda seguiríamos a presentar maquetas. E en terceiro lugar, e por agora último, coa controversia suscitada polo traslado, no que se critica desde a ubicación do laboratorio (cando, sen chegar a Sevilla, podemos por o de Pontevedra como exemplo non cuestionado do mesmo que se está a facer en Vigo); ao cobro do párquing (cando as alternativas previamente existentes eran ou o pago ao concello da ORA, no Pirulí; ou directamente a emprendedores privados do sector do leiraparquing, no Meixoeiro), críticas realizadas mesmo por quen podería ter cedido ou ceder terreos para un párquing gratuito (como, por certo, se fixo polo Concello compostelán no Hospital Universitario de Santiago); ata, cousas veredes, cuestionar os criterios médicos para o traslado dos doentes xa hospitalizados no bautizado como Álvaro Cunqueiro, quen seguro que goza abraiado de que semellante fábula teña lugar nun edificio que honra o seu nome.

O subversivo e irreverente Zizek, pese a crer que a esquerda contemporánea precisa de máis paixón, considera esta demanda absurda en si mesma, porque se lle parece demasiado a un chiste citado por Lacan: Vai sobre un médico ao que un amigo lle pide consello gratis, pero pouco disposto a darllo sen a correspondente retribución, tras examinalo lle di moi seriamente: «¡Tes que ir ao médico!». Xa se vai vendo: por moita paixón que se lle poña, ao final parece que as ideas construtivas requiren sempre do correspondente ditame.