¿Apréndese máis co ordenador?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

17 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A OCDE ven de presentar un informe sobre a relación entre o uso das novas tecnoloxías e os resultados académicos. As conclusións coinciden coas doutros traballos recentes e comezan a aportar datos sobre unha das cuestións que máis preocupan hoxe no sistema educativo. O uso do ordenador na aula non implica que os alumnos melloren o seu rendemento. De feito, a citada organización supranacional afirma que o extraordinario investimento en equipos informáticos levado a cabo nos centros educativos de España entre o 2009 e o 2012 non mellorou os resultados. Son preocupantes dous datos: os nosos estudantes dedican máis tempo a navegar por Internet que a media da OCDE e en varios países con máis éxito académico có noso faise pouco uso das novas tecnoloxías.

En calquera caso, o equipamento das escolas era necesario. Pero a razón pola que os gobernos non están a investir con eficacia atópase na falta de formación e implicación dos docentes para o imprescindible cambio metodolóxico. Estes teñen que estar á vangarda no coñecemento e aplicación das novas tecnoloxías, co fin de facer máis eficaz o traballo na aula. É un erro considerar que os alumnos son nativos dixitais e que polo tanto non se pode estar á súa altura.

Afírmase tamén no traballo que o abuso das novas tecnoloxías supón un empeoramento dos resultados académicos. Este é o verdadeiro problema, pois os rapaces pasan cada vez máis tempo fronte ás pantallas, cunha pasividade que ten consecuencias moi negativas para o estudo. Hai falta de concentración e de memoria; a linguaxe icónica ou audiovisual despraza á textual, relegando lectura e escritura a un segundo plano; un código de comunicación rápido e carente de normas substitúe á sintaxe tradicional; as responsabilidades aprázanse constantemente, pois a única motivación está na pantalla. A pregunta clave é: ¿Han ser estas as capacidades que demande o sistema educativo? Non parece que vaia ser así.

Nas mans dos principais responsables están as solucións. Os Gobernos teñen que pensar máis no investimento en formación e no compromiso do profesorado que no subministro de programas e equipos. A competencia dixital é importante, pero non ten por que estar presente en todo momento, como se afirma nos novos currículos. Os pais deben controlar o uso que os fillos fan das tecnoloxías, coñecendo ben cales son os riscos do abuso, tanto no rendemento académico como na navegación por Internet. ¡Mágoa que tan bos aparatos e posibilidades da Rede non estean a contribuír ao éxito educativo!