Son moitos os muros

OPINIÓN

02 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente o xefe do Estado referiuse ao independentismo catalán como á creación de muros cos sentimentos que agrandan as divisións. Por certo que os muros son de moi diferente natureza, non só de sentimentos: hainos de ideas, de vellos costumes, de política rastreira... incluso conxénitos á historia do país.

Aínda que désemos por boa esa apreciación referida aos muros de sentimentos, e non esquezamos que en democracia caben todas as opcións, sen excluír ningunha, incluso as que leven no seu programa a destrución da democracia -aquí está a súa grandeza-, botamos de menos a referencia a moitos outros muros que tanto teñen contribuído ao deterioro da convivencia e de calidade da nosa democracia.

Ninguén porá en dúbida que, entre eses muros, está aquela vergoñenta recollida de firmas contra o Estatut promovida polo partido do Goberno, con desprezo absoluto dos máis elementais usos democráticos e que conforma un feito descoñecido en calquera país democrático ou civilizado. Como tamén recorrer textos que se aceptaron para outras autonomías.

Nada digamos xa do boicot aos produtos cataláns, pois moi dificilmente se poderán ter por patriotas aos que participaron en semellante esperpento, ou dos continuos actos recentralizadores do Goberno coa finalidade de deixar sen contido a autonomía, ou co mínimo contido posible. A isto volveremos máis a modo.

Nin da negativa do Goberno ao diálogo civilizado ou ao impresentable recurso aos tribunais en cuestión estreitamente políticas, entre tantos outros supostos -todos eles ausentes do discurso do xefe do Estado-. ¿E por que, pensamos moitos, poñerlle cara de can a Mas, o que non está mal, e non aos que deron orixe ou dalgunha forma, ou pode que de moitas, contribuíron a tanto despropósito?