O plutonio de Irán e Obama

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:40 h.

Hai uns días que entrou en vigor o acordo entre Irán e varias potencias occidentais baixo o cal Irán acepta reformar o seu programa de investigación nuclear a cambio de que lle sexa levantado o bloqueo económico. Obama conseguiu salvar o acordo no Congreso dos EE.?UU., pero a costa de moitos ataques, máxime no ambiente preelectoral das primarias. A meirande parte deses ataques céntranse sobre o control da tecnoloxía iraniana para procesar uranio. O uranio natural non vale para facer unha bomba atómica: só vale unha variante del que está presente en menos do 1 % do atopado a granel, así que cómpre un refinamento para desbotar o 99 % restante.

Pero centrar o debate político niso é erróneo desde o punto de vista científico. ¿Por que?

Porque menos do 5 % das bombas atómicas do planeta usan uranio. Case todas usan plutonio, un elemento sintético (ou sexa, que non existe de seu na natureza) que é máis fácil e barato de producir que o refinamento de uranio. Ademais, o plutonio dá máis enerxía que o uranio e, por riba, fai falla menos cantidade para que a bomba funcione. O tratado con Irán centrouse, con bo criterio, en acoutar o seu acceso ao plutonio, un detalle que non se está a poñer en valor dabondo nos EE.?UU. Por esa razón, seis premios nobel (dos cales dous coñecen ben Galicia) e outros científicos punteiros dese país acaban de enviar unha carta a Obama, na que o felicitan por ter conseguido un tratado «tecnicamente sólido, estrito e innovador».