Carlos Oroza

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

«En el norte hay un mar más alto que el cielo». É, como saben, máis ca un verso de Carlos Oroza; dá título a un dos seus libros. Fixo da escrita unha tradución simultánea da vida. Pero literal, algo moi difícil de realizar. Hai que ter moita decisión e valor. Deime de conta cando o visitei no alto dunha obra en construción pola zona de Cangas, creo lembrar, van xa máis de 30 anos. Díxome que vivía coa poesía, que non a podería ver porque era unha deusa e as deusas, xa se sabe, viven dentro de nós, nesa infindade, e cada quen coas súas. Arredor eu só vía paredes de ladrillo pero era certo, a poesía estaba nel. Acababa de deixar Madrid e os días no café Gijón e cando tiña frío para min que se gardaba aínda nas páxinas de Umbral, que sempre o acollían. Falo daquel tempo. Lembro que me animou a escribir sobre o deserto, que tamén está no noso interior, dixo, i é infindo, e anos despois publiquei os poemas do deserto. Entón a todos nos gustaba a súa rebeldía pero coas limitacións que impuña esa outra forma de vida non nos atrevemos. Oroza viviu como escribiu. «Eva, eva, évame...» e coas súas palabras facía cachizas a nosa feble deusa de cristal. Dende que tomo o café no miradoiro do Santo Román sei que ese norte do que fala é o noso e é verdade: ás veces este mar, se vemos, está máis alto que o ceo. Iso só acontece lembrando o seu verso; do contrario, recoñezámolo, non acertamos a ver.